• Venres 21 de xullo
    HORA LUGAR Descargar en PDF
    16:50 horas Escenario San Simón SON Estrella Galicia DUO RUUT (Estonia)
    18:00 horas Escenario Santo Antón JESCA HOOP (EUA-RU)
    18:00 horas Escenario Buxos FEST Galicia ANA LUA CAIANO (Portugal)
    19:10 horas Escenario Buxos FEST Galicia YĪN YĪN (Holanda)
    20:20 horas Escenario San Simón SON Estrella Galicia ADG7 (Corea do Sur)
    21:30 horas Escenario Buxos FEST Galicia TUKAN (BÉLXICA)
    22:30 horas Escenario Buxos FEST Galicia DJ rnstdj
    • DUO RUUT (Estonia)

      DUO RUUT (Estonia)

      Escenario San Simón SON Estrella Galicia | 16:50 horas

      Desde que no 2019 sorprenderon á crítica nacional e internacional co seu primeiro disco, este dúo feminino formado por Katariina Kivi e Ann-Lisett Rebane non parou de xirar por todo o mundo paseando o seu cítara élfica. Celtic Connections, Eurosonic Noorderslag, WOMEX, PIN Music Conference, ...etc. son só algúns escenarios nos que xa presentaron o seu sedutor e cativador folclore pop. A modo de címbalo, as cordas do arpa vibran ou resoan a catro mans mentres as dúas voces en acorde lémbrannos que estamos diante unha das culturas máis ricas e entusiastas da música coral, unha tradición popular que congrega a miles de persoas nos países bálticos.

    • JESCA HOOP (EUA-RU)

      JESCA HOOP (EUA-RU)

      Escenario Santo Antón | 18:00 horas

      Algunhas artistas aprenderon a vivir confinadas, illadas do absolutismo dos fenómenos virales. A nosa invitada, fincada na actualidade na cidade de Manchester, a pesar de estar apadriñada nos seus comezos por Tom Waits ou Peter Gabriel, preferiu permanecer no seu ambiente natural, un ecosistema moi persoal no que tamén podes descubrir as delicadas cancións de Jessica Pratt, Aldous Harding ou –a nai superiora– Joanna Newsom, á que Jesca Hoop lembra en máis dunha ocasión coa súa voz adolescente e esas piruetas corais tan exquisitas. Jesca Hoop é folk adictivo.

    • ANA LUA CAIANO (Portugal)

      ANA LUA CAIANO (Portugal)

      Escenario Buxos FEST Galicia | 18:00 horas

      A converxencia entre a música tradicional e a tecnoloxía está a pasar a súa particular idade de ouro. Os recursos dixitais poñen ao dispor dos artistas unha paleta de sons inesgotable. A nosa invitada, a polifacética e novísima artista portuguesa Ana Lua Caiano, vén chamando a atención da prensa especializada lusa pola súa habilidade á hora de explorar a excepcional riqueza do seu patrimonio inmaterial desde os modelos e linguaxes urbanos. Aos seus 24 anos, non deixa de sorprender a súa facilidade para manexar con tanta efectividade e imaxinación os recursos dixitais –loops, caixas de ritmos, sintetizadores– e incorporalos a unha música tan esixente como a canción portuguesa.
       

    • YĪN YĪN (Holanda)

      YĪN YĪN (Holanda)

      Escenario Buxos FEST Galicia | 19:10 horas

      Un ano máis debemos atender ao que está a suceder nos Países Baixos porque desde alí non pairan de saír bandas reclamando a atención do rock internacional. Cada unha no seu estilo: Jungle By Night inspirándose nos sons africanos; Altin Gün nas guitarras otomás; e Yīn Yīn coa súa singular fusión de sons psicodélicos do sueste asiático. Chámano “thaichedelic”, esa singular lectura da música occidental interpretada desde Tailandia que descubrimos grazas ao traballo de investigación de compañías discográficas como a súa propia editorial, a imprescindible Bongo Joe Records. 
       

    • ADG7 (Corea do Sur)

      ADG7 (Corea do Sur)

      Escenario San Simón SON Estrella Galicia | 20:20 horas

      As súas sesións nas canles NPR e KEXP de Youtube contan con miles de visitas e seguidores. Este entusiasmo pola música coreana vai moito máis aló do recorrente K-Pop. Algo chama a atención nos nosos sentidos occidentais: rendémonos ao poderoso influxo do seu son ou á espiritualidade das súas tradicións. A súa riqueza musical, o ritual sensual cos seus instrumentos históricos e a roupa secular, todo o que rodea á súa música tradicional reborda unha inmensa paz, mais cando se xunta coas influencias do pop moderno,  reborda intensidade e alegría. ADG7 son un dos pesos pesados da música moderna e popular de Corea do Sur. Telos en Galicia é un enorme privilexio.

    • TUKAN (BÉLXICA)

      TUKAN (BÉLXICA)

      Escenario Buxos FEST Galicia | 21:30 horas

      Despois de merodear por diferentes proxectos próximos ao jazz, o son deste cuarteto de tripulantes instrumentais belgas atopou o seu lugar na electrónica analóxica que tanto se inspira no post-rock de Tortoise coma nos ambientes científicos de Floating Points. Un equilibrio estimulante que, a pesar de refrescar a innumerables bandas sonoras do pop espacial dos anos noventa, non pasa de moda. Cada vez máis requiridos desde os festivais de toda Europa, en Sinsal pensamos que chegou a hora da súa estrea en España.

    • DJ rnstdj

      DJ rnstdj

      Escenario Buxos FEST Galicia | 22:30 horas

      Rnstdj é un dos djs históricos da cidade de Vigo que, desde as orixes da Movida nos anos 80, sempre estivo estreitamente vinculado á música de cada xeración. A súa etapa máis relevante como artista foi cando nos anos noventa e nos primeiros anos do século XXI ocupou a cabina dun dos locales máis importantes da escena house do momento: o Club 7-4 de Vigo.

  • Sábado 22 de xullo
  • Domingo 23 de xullo
O cartel do Festival Sinsal SON Estrella Galicia é secreto. O público non sabe que grupos vai ver ata que desembarca na Illa de San Simón (Redondela). 

Sinsal é un evento de Sinsalaudio. A traxectoria da promotora, a singularidade do evento e o espazo natural no que se desenvolve son un selo de calidade.

Desde a primeira edición en 2003, o principal compromiso de Sinsalaudio foi programar artistas que inician a súa carreira musical ou que demostrasen unha gran conexión coa creación contemporánea. Algúns destes nomes, poucos anos despois, aterraron nos grandes festivais e salas de concertos de todo o mundo.
Ir arriba