Sostibilidade

Desde Sinsal queremos dar un paso máis no noso compromiso coa contorna, a saúde e o planeta. Este 2024 actualizamos a nosa política de sostibilidade e lanzamos #sinsalsenrastro porque cremos que chegou a hora de transformar o modelo de consumo actual.

Era o ano 2018. Fai seis anos, publicabamos na web do festival Sinsal a nosa primeira memoria de sostibilidade. Naquel documento detallabamos e dabamos a coñecer o noso compromiso cos retos ambientais, sociais e económicos de desenvolvemento sostible. 

 

Desde entón, e ata o de agora, a sustentabilidade foi un dos nosos eixos principais de traballo. Grazas ao esforzo tanto do público como do equipo, fomos alcanzando progresivamente os obxectivos que nos marcamos. Proba diso é que, nestes últimos anos, participamos en numerosos foros especializados e a nosa experiencia tívose en conta en diversos estudos e reportaxes que se publicaron tanto dentro como fóra de Galicia. Ademais, recibimos múltiples recoñecementos, entre eles os Premios FEST ao evento máis sostible (2019 e 2023).

Entre os anos 2018 e 2022, nas memorias que podes ler e descargar na web do festival, rexistramos este empeño por consolidar as misións que nos propoñiamos. Agora, seis anos despois, e desde esta práctica continua, chegamos a unha nova conclusión: necesitamos renovar a estratexia inicial.

Este 2024 actualizamos a política de sustentabilidade do Festival Sinsal SON Estrella Galicia -que é agora a do Pacto Cultura Sustentable en colaboración con outros eventos e empresas culturais de Galicia–. E, tras revisar detidamente o protocolo seguido estes anos, decidimos unificar catro das seis liñas de traballo que nos trouxeron ata aquí, para abordar #sinsalsinplástico,  #sinsalsinmaloshumos, #sinsalycircular e  #sinsalylocal. A todo iso, ademais, sumámoslle unha novidade, porque emprendemos unha viaxe no que, para avanzar, necesitamos contar contigo: convidámoste a descubrir #sinsalsinrastro.

 

Desde o Festival Sinsal SON Estrella Galicia queremos compartir unha idea: chegou o momento de facernos responsables da xestión dos nosos residuos cada vez que saímos de casa con alimentos ou bebidas, tanto se é para pasar un día na praia, como para asistir a un evento cultural.  
Cremos que é hora de enviar unha mensaxe de concienciación e responsabilidade de fronte ao día a día e ir un paso máis aló do propio festival. Se algo aprendemos nesta carreira contrarreloxo é que o futuro pasa por aprender a desaprender, cambiar a nosa mentalidade, abandonar xestos e accións e saír da zona de confort que nos levou ata esta situación insostible e que debemos reverter. 

Neste 2024, o noso compromiso coa sustentabilidade volve ser público e claro: #sinsalsinrastro é un paso adiante nun modelo de consumo e de xestión de residuos que parte dun compromiso mutuo. Un esforzo compartido entre o festival, o público, as entidades colaboradoras e os patrocinadores en favor do medioambiente e das persoas.

 

Se queres coñecer máis polo miúdo que accións engloba #sinsalsenrastro, podes visitar o seu apartado correspondente na sección de Preguntas frecuentes



Memorias de sostibilidade de Sinsal SON Estrella Galicia