Escenario Océano

 O xoves 25 de xullo, un día antes de embarcar a San Simón, celebraremos unha xornada con visita guiada ao porto de Vigo e concerto de Ombligo no Escenario Océano. As entradas xa están á venda!

Unha nova xornada dedicada aos océanos como as grandes vías de divulgación e riqueza cultural será o punto de partida do festival Sinsal SON Estrella Galicia 2024. O xoves 25 de xullo o porto de Vigo será o espazo que acolla o Escenario Océano, a iniciativa posta en marcha no 2023 da man de Sinsalaudio e Kaleido Logistics, alianza que pretende visualizar a relación entre a diversidade cultural e o patrimonio industrial vigués. 

A xornada comezará ás 20.30 horas cunha visita guiada ao porto vigués, espazo estratéxico de gran valor económico e social para a cidade. Concretamente, as e os asistentes visitarán as instalacións de Kaleido Logistics situadas nos terreos portuarios, zona na que cada día acontece unha parte moi relevante da actividade industrial da cidade e que, en ocasións, resulta descoñecida para a súa veciñanza. 
 

O público, dividido en catro grupos, realizará un percorrido guiado a través dos materiais e grandes bloques de granito presentes nesa zona portuaria. Durante a visita, cuxo acceso e saída será a través do ‘Tinglado’ do porto*, as e os asistentes achegaranse á xeoloxía deses monolitos xigantes, ao proceso loxístico que transcorre ata que chegan ao chan vigués e outros detalles da actividade industrial local. 

A actividade finalizará cunha pequena conversa e cunha intervención musical singular no peche, a partir das 21.45 horas, que chegará da man do dúo madrileño Ombligo, caracterizado pola fusión estilística; e no que, polos seus temas, flúe o folclore balcánico, o bolero ou mesmo o jazz contemporáneo.


Horario

20.30 horas - Inicio visitas guiadas (acceso por grupos)

21.45 horas - Concerto de Ombligo

 

*O acceso, a través de El Tinglado, será por grupos. Desde Sinsalaudio e Kaleido Logistics informamos que, polas características do espazo no que se desenvolverá a iniciativa, recomendamos só a asistencia de público adulto, ademais de levar calzado cómodo e pechado.