• O festival
    • Que é Sinsal SON Estrella Galicia?

      É, ante todo, un festival de música que se celebra, ao longo de tres xornadas, na illa de San Simón (Redondela, Ría de Vigo). Desde o corazíón das Rías Baixas pretendemos ofrecer unha pequena mostra da creación contemporánea máis destacada do momento. 
    • Cando naceu o festival Sinsal?

      No ano 2003, a promotora galega Sinsalaudio, responsable da organización do Festival Sinsal SON Estrella Galicia en San Simón, estreou na cidade de Vigo a primeira edición do evento cun ciclo de concertos por varios espazos interiores da cidade. A partir do ano 2012, ademais de manter a conexión local, a actividade trasládase á illa de San Simón, onde ten lugar esta extensión tan singular como excepcional no calendario de festivais do verán. Neste enlace podes consultar o arquivo histórico do noso evento. 
    • Por que é tan especial un festival de 800 persoas?

      Nun momento no que se suceden numerosas citas musicais, Sinsal SON Estrella Galicia, un dos festivais máis pequenos do verán, atopou o seu oco entre os máis interesantes. Boa parte da atención que recibe é polo atractivo da súa localización: o arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón. Arredor deste BIC (Ben de Interese Cultural), deseñamos unha experiencia única en toda a Península Ibérica. A xornada comeza (e remata) cunha viaxe en barco pola Ría de Vigo. Ao desembarcar, a illa de San Simón acolle, durante unhas horas, a artistas e público prodecentes de todo o mundo. 
    • Por que organizar un festival cun cartel secreto?

      A pesar das dificultades que supón comunicar cada ano un evento desbotando, previamente, a promoción dos seus artistas, desde a organización do Sinsal cremos que esta chiscadela reforza unha mensaxe cada vez máis necesaria. Queremos situar no centro da nosa programación ao público e contribuír a un turismo sostible -se isto é posible- destacando a necesidade de convivir co territorio a unha velocidade máis lenta. A nosa ilusión é compartir a paixón pola música e experimentar a emoción por acoller o descoñecido. 
    • Como organizamos a programación do Sinsal?

      En cada edición presentamos novos valores de España, Portugal e Galicia. Tamén, co obxectivo de reducir a nosa pegada de carbono, compartimos artistas internacionais con outros festivais afíns por toda a Península Ibérica. Por último, completamos a programación cunha selección exclusiva de propostas de todo o mundo que tocan por vez primeira en España ou en Galicia. Cada unha destas "paradas" configura un cartel final diverso en estilos, sons e culturas. 
    • Cada día actúan artistas diferentes?

      Si. No caso de repetir algunha proposta, comunicarémola con antelación, mais sempre sen desvelar o nome da banda ou solista. Ao longo dos escenarios situados nas illas de San Simón e Santo Antón, vanse sucedendo as actuacións. Cada escenario ten o seu horario e, ao rematar o concerto, o público desprázase até a seguinte localización. Unicamente programamos a dous artistas de xeito simultáneo pola necesidade de ofrecer unha maior "intimidade" con algunhas propostas e este feito prodúcese, tan só, durante unha hora. 
    • Que outras actividades hai durante o festival?

      Desde a organización planificamos un conxunto de actividades co obxectivo de ampliar e reforzar a vosa experiencia en San Simón: visitas guiadas pola illa, itinerarios para descubrir a historia do arquipélago, exposicións, gastronomía, charlas, concertos acústicos, deportes e obradoiros conforman a nosa oferta cultural alternativa. 
    • Que é a Escola Sinsal?

      É o proxecto educativo do festival Sinsal centrando na recuperación da memoria sonora do século XX: Naceu no ano 2006 e, até a actualidade, pasou por diferentes etapas: a divulgación de formatos desaparecidos, a presentación de obxectos que forman parte da historia do rexistro sonoro, obradoiros de música con reprodutores analóxicos...etc. En cada edición do festival ofrecemos a posibilidade de realizar actividades relacionadas con esta proposta exclusiva de Sinsal. 
  • A estancia na illa
    • Que debería leva a Sinsal SON Estrella Galicia?

      Consulta o tempo antes de ir ao festival. Non esquezas que vas a unha illa, polo que a sensación térmida pode descender algúns graos respecto ao litoral. Se o tempo é bo, agradécese un chapeu ou gorro e crema solar. Pola contra, se hai ameaza de choiva, un chuvasqueiro non sobra. Con todo, o mellor consello que che podemos dar é que sempre leves unha chaqueta ou xersei. É importante tamén ir con calzado cómodo, mais sen esquecer que o chan é irregular e hai moita vexetación, polo que recomendamos que protexas os teus pes e evites o calzado de praia. E se queres deitarte no chan, recomendamos que leves unha toalla ou manta de picnic, por exemplo.

      Este ano convidámoste a que veñas co teu KIT FESTIVALERO REUTILIZABLE e; é dicir: un vaso doutro festival, pano de mesa de tea, prato de picnic, garfo e culler de varios usos. Todo este material debes levalo de volta, lavalo en casa e deixalo preparado para a túa próxima saída.
    • É necesario levar auga ao festival?

      Na illa de San Simón hai auga potable en fontes e aseos, polo que animamos a que uses o teu vaso reutilizable (ou ben da vaixela do evento ou do teu “kit festivaleiro”). Podes consultar ou descargar aquí o mapa dos puntos de agua
      Se consideras que a auga da billa está quente ou non che gusta o seu sabor, nós proporcionarémosche gratis o xeo ou o limón. E, se a pesar de contar con auga potable, decides vir coa túa auga, lembra que debe ser en botella de plástico e que no control de acceso poderemos retirar o tapón por cuestións de seguridade.

    • Podo levar comida e bebida ao festival?

      Durante o festival hai unha oferta gastronómica variada que inclúe opcións vexetarianas e veganas. Con todo, podes vir coa túa comida –ou bebida sen alcol– coas seguintes condicións:
      • Por normativa de seguridade, as botellas deben ser de plástico e con tapón de rosca (que se poderá retirar ao acceder á illa)
      • Tampouco se pode introducir no festival envases/recipientes de vidro, metálicos... etc. 

      Apuntamentos:
      • Se viaxas con menores ou necesitas acceder con algún obxecto especial, contacta, por favor, connosco.
      • Se tes algunha intolerancia alimentaria, recomendamos que leves a túa propia comida por se a oferta do festival non é do teu interese. 
            
    • Debo levar diñeiro en efectivo? Hai TPVs?

      A moeda oficial do festival é o Nemo, que poderás cambiar por euros nas oficinas do festival. Durante a xornada, e ata media hora antes da saída do teu barco (lembra que debes estar no embarcadoiro con 30 minutos de antelación), poderás trocar a moeda que che sobre por euros. Ademais, en todos os servizos dispoñeremos de TPVs por se prefires pagar con tarxeta.  

    • Como é a accesibilidade na illa?

      Desde Sinsal traballamos para que o noso festival sexa un evento inclusivo e accesible. Desde a organización estamos á túa disposición e facilitaremos a túa estancia en todo o que estea da nosa man. Con todo, se necesitas dalgún servizo específico e tes dúbidas, por favor, escríbenos a festival@sinsalaudio.org co asunto "ACCESIBILIDADE" e poñerémonos en contacto contigo canto antes.
      Se es unha persoa con mobilidade reducida, debes saber: 
      • A illa dispón de baños específicos en varios edificios.
      • Aínda que a viaxe en barco está garantido, é importante que nos escribas un e-mail a festival@sinsalaudio.org co asunto “ACCESIBILIDADE”, porque nalgunhas zonas da illa, por exemplo no peirao ou a ponte, o pavimento é irregular. Esta información permitiranos axudar e colaborar en todo o que sexa posible. 
      • Na maioría de escenarios non hai problemas de visibilidade e sempre facilitaremos o acceso a un lugar preferente.

    • Podo levar animais de compañía?

      Non, agás no caso dos cans guía. Escríbenos, por favor, con antelación a festival@sinsalaudio.org co asunto "ACCESIBILIDADE" e poñerémonos en contacto contigo.
        

    • Podo bañarme na illa ou chegar no meu barco?

      Non, é normativa interna da illa de San Simón. 

    • Podo facer fotos ou gravar vídeos durante o festival?

      Está permitido realizar fotografías a condición de que se realicen sen ánimo de lucro e protexendo o dereito á privacidade do resto dos asistentes.

      Apuntamento: Se queres cubrir o evento, lembra que previamente debes solicitar a túa acreditación a través do correo electrónico de prensa@sinsalaudio.org. 
    • Pódese fumar en Sinsal SON Estrella Galicia? E mercar tabaco?

      Non hai tabaco á venda e só se pode fumar nas zonas reservadas, que estarán debidamente indicadas tanto na illa como no mapa que atoparás ao desembarcar.

      Importante: non está permitido tirar cabichas ao chan e todas as persoas fumadoras deben viaxar a San Simón co seu cinceiro portátil. As cabichas son un residuo alleo ao festival e, polo tanto, terán que saír da illa coas persoas que os xeren. 
    • Hai punto de obxectos perdidos? Como podo recuperalos despois do festival?

      Si, nas oficinas de administración durante a celebración do festival. Tamén podes escribirnos un correo electrónico a festival@sinsalaudio.org co asunto “OBXECTO PERDIDO”.
    • Que teño que facer se quero presentar unha reclamación?

      Podes visitar as nosas oficinas durante o festival e solicitar unha folla de reclamación; pero tamén podes enviar un correo electrónico a festival@sinsalaudio.org co asunto “RECLAMACIÓN”.

    • Haberá papeleiras nas que depositar os meus residuos e as miñas cabichas?

      Con Sinsal 2024 desaparecen as papeleiras da illa. Todos os residuos xerados polo festival recolleranse e separaranse nun único punto habilitado pola organización, pero a recollida e xestión de residuos alleos ao evento, como as cabichas, deben de saír da illa coas persoas que os xeren. 
  • O compromiso #sinsalsenrastro
    • Que é #sinsalsenrastro?

      É unha iniciativa coa que vos convidamos a reflexionar e a participar á hora de xestionar os residuos cada vez que saímos de casa: na praia, a montaña, un festival etc. Baséase na teoría das 3R: reduce, reutiliza, recicla. Desde Sinsal apelamos a un compromiso mutuo, un esforzo compartido entre festival, público, entidades colaboradoras e patrocinadoras en beneficio do medioambiente e das persoas.
    • Como podo participar?

      Animámoste a vir ao festival co teu KIT FESTIVALEIRO reutilizable; é dicir: un vaso ou recipiente no que poder beber auga potable das billas, pano de mesa de tea, prato de picnic, garfo e culler de varios usos (sempre que non sexan de vidro ou metálicos). Todo este material debes levalo de volta, lavalo en casa e deixalo preparado para a túa próxima saída. Sabemos que, ao principio, esta práctica pode parecer unha bobada, pero estamos seguras que, co tempo, este kit formará parte dos nosos obxectos persoais de viaxe. 
    • Cal é o manual de boas prácticas para asistir a Sinsal?

      • Sempre que sexa posible, usa o transporte público ou comparte o vehículo ata o porto de embarque.
      • Evita levar obxectos e materiais que non se poidan reutilizar. Por exemplo: substitúe o filme, as bolsas de plástico ou o papel de aluminio por un tupper. Se non é posible, leva de volta eses residuos porque son da túa “propiedade”. 
      • Se cando viaxamos levamos “residuos”, é a nosa responsabilidade xestionalos e reciclalos en casa. Cada verán, atopámonos cunha estampa habitual nas nosas praias ou portos de embarque: as papeleiras a rebordar de envases. Se queremos garantir a súa correcta separación, a única solución é facelo en casa. Lembra: evita materiais dun só uso e, se non é posible, fagámonos responsables da súa xestión.  
      • Trae a túa propia vaixela reutilizable (vaso, cubertos, prato, pano de mesa etc.)/ etc.) a condición de que non sexan de vidro ou metálicos. Lembra que, por normativa de seguridade, non está permitido introducir botellas reutilizables con tapón na illa.
      • Se non queres ou non podes traer a túa vaixela ao festival, solicita a nosa. Deberás deixar un depósito que poderás recuperar ao devolver os obxectos no Punto R ata media hora antes da saída do teu barco. 
      • Non cargues con botellas de auga de plástico. No seu lugar, mete na túa mochila un vaso ou recipiente pra beber. É máis cómodo e podes, por exemplo, coller auga das fontes que hai na illa. Podes contar connosco se queres xeo ou un pouco de limón. Neste mapa atoparás os puntos de auga potable
      • Pecha a billa ao lavar as mans ou encher o teu vaso con auga potable. 
      • Consome con responsabilidade. Se che sobra comida, compártea ou lévaa de volta a casa. 
      • Se fumas, utiliza as zonas habilitadas e asegúrache de non botar as cabichas ao chan. Viaxa co teu cinceiro portátil e baléirao na túa casa
        Deixa o lugar igual de limpo e recolleito que o atopaches. Deixemos #sinsalsenrastro. 




    • Que é o Punto R?

      En Sinsal non hai papeleiras na illa.  Os residuos que xeramos desde o propio festival recollémolos e sepáramolos nun único punto, denominado Punto R. Neste espazo tamén recollemos os vasos, pratos e outros obxectos reutilizables que usamos durante o festival.

      Lembra que cada persoa é responsable dos seus residuos. Nós coidamos dos nosos e cada asistente deber facer o propio (sempre que sexa posible) cos que trae de casa. Na práctica, tamén xestionaremos os que veñan de fóra coa mesma ilusión e compromiso, pero lembra que, canto antes cambiemos determinadas prácticas, antes reduciremos este malgaste sen sentido.