
Descubre San Simón

Sinsal ofrece, durante a celebración do festival na illa de San Simón, unha programación de actividades (paralela aos concertos) para dar a coñecer a memoria e patrimonio natural, cultural e histórico do arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón. Roteiros (guiados ou independentes) conversas e obradoiros para todas as idades e públicos forman parte deste eixe, nomeado Descubre San Simón.
-
Roteiro 'Descubre San Simón'
É un itinerario independente que pretende divulgar a memoria do arquipélago entre as e os asistentes ao festival Sinsal. A través de distintos paneis que se atopan espallados tanto por San Simón coma por Santo Antón -elaborados con materiais sostibles e que se reutilizan en cada edición-, o roteiro dá a coñecer diferentes episodios da historia deste enclave.
O itinerario Descubre San Simón conta con sete episodios, cada un co seu panel correspondente e, través dun código QR, o público pode consultar a información en galego, español e inglés. As estacións son:
- A roca de San Simón.
- Proxecto Trobadores.
- A avenida de Teruel.
- A paisaxe de Alejo Yáñez Andrade.
- O aeroporto marítimo de San Simón.
- A conexión de San Simón e o Pórtico da Gloria.
- A relación de Reveriano Soutullo e Diego San José de la Torre con San Simón.
-
Illario pantasma
Da man do artista, docente e investigador Xosé Lois G. Faílde coñecemos San Simón co paseo Illario pantasma, que contará con tres estacións: Espectros botánicos, onde coñecer o corpo fitolóxico da paisaxe; Pantasmas literarios, sobre a pegada difusa do imaxinario da escrita da illa; e Pa(i)saxes esquecidxs, arredor da xenealoxía política soterrada no lugar.
O paseo, que ten unha duración de 50 minutos, celebrarase en dúas sesións diferentes o sábado 26. Para poder participar, achégate ao Punto de Información ao desembarcar e inscríbete. -
Andaina con Amarturmar
Outro xeito de coñecer San Simón é a través da proximidade das súas xentes. Integrantes de Amarturmar, a asociación cultural de mulleres e homes do mar de Cesantes, darán un paseo e conversarán coas asistentes sobre a diversidade mariñeira do lugar, o papel da economía circular e como o cambio climático está a transformar os recursos naturais da zona.
O paseo, que se celebrará o domingo 27, é duns 50 minutos, Para poder participar, achégate ao Punto de Información ao desembarcar e inscríbete.