Información

Sinsal SON Estrella Galicia é, ante todo, un festival de música. O seu cartel é un secreto para o público.

Sinsal SON Estrella Galicia non é un festival indie, nin de músicas do mundo, nin de jazz. A fórmula artística do festival soa lóxica: ofrece concertos para todos os gustos.
  • Música ao vivo

    Sinsal SON Estrella Galicia é un festival sen complexos. Por esa razón propón ao público un cartel secreto, unha vivencia musical alén de nomes concretos.

    Músicas de vangarda, de raíz, sonoridades modernas e propostas contemporáneas conforman a coidada e exquisita paisaxe sonora que ofrece Sinsal: un cartel diverso en estilos, con protagonismo de proxectos liderados por mulleres, bandas emerxentes e grupos que tocan por vez primeira en Galicia.
     
    O groso da programación componse de artistas que viran por outros festivais prestixiosos en España e Portugal.
  • Unha illa

    No corazón da Ría de Vigo atópase a illa de San Simón, un enclave fermoso e singular: foi fonte de inspiración na lírica medieval, lazareto no s. XIX e campo de concentración na guerra civil.

    A illa de San Simón é o escenario e cabeza dun cartel secreto até o desembarco. A saída desde o litoral (desde o porto de Vigo do embarcadoiro de Meirande, en Redondela) cara á illa é o punto de partida dunha viaxe ateigada de contemporaneidade, auga e vida.

    Se queres saber máis do arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón, descarga estas lecturas.

  • Un cartel secreto

    Unha proposta secreta, comisariada por Sinsalaudio, que atende ás creacións máis estimulantes do momento e sorprende ao público con suxestivos directos: o cartel descúbrese ao desembarcar na illa de San Simón!

    Desde a primeira edición en 2003, o principal compromiso de Sinsal foi programar artistas que inician a súa carreira musical ou demostrasen unha gran conexión coa creación contemporánea. Algúns destes nomes, poucos anos despois, aterraron nos grandes festivais e salas de concertos de todo o mundo.

    Nos últimos anos pasaron por Sinsal Alt-J, Maika Makovski, Dan Deacon, Owen Pallet, Camila Moreno, Nakhane, Anna Meredith, Of Montreal, Malándromeda, El Guincho, Fantastic Negrito, María Arnal & Marcel Bagés, Bonnie Prince Billy, La Dame Blanche, Cosmo Sheldrake, Mercedes Peón, Lina & Raül Refree, Rodrigo Cuevas, Queralt Lahoz, Tarta Relena, Rigoberta Bandini, Lido Pimienta ou Rocío Márquez & Bronquio, entre outros artistas.
  • Actividades paralelas

    Ademais do programa de concertos, Sinsal propón outras actividades ao público aproveitando a experiencia diurna nun espazo único: exposicións, obradoiros de reciclaxe con refugallos, conversas sobre economía circular e sostibilidade, microconcertos acústicos, pedal surf..

    As actividades danse a coñecer nas semanas previas á celebración do festival nesta mesma páxina web.