Tres xornadas de cultura, unha illa e un cartel secreto: comeza a 15ª edición do Festival Sinsal en San Simón

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia inicia mañá a súa 23ª edición (a 15ª na illa de San Simón) cunha xornada marcada pola estrea, a nivel estatal, de proxectos musicais de Xapón, Indonesia, Bulgaria e Cabo Verde; e na que tanto as sesións de DJs coma as actividades paralelas contarán con viguesas como protagonistas.
As músicas tradicionais, o dance hall e os ritmos tribais soarán na enseada de San Simón, ao igual que o koduro, o rock psicodélico e, inclusive, cantos folk. Tampouco faltarán nesta primeira xornada sesións que tenderán pontes entre África e Galicia, con músicas populares que estiveron prohibidas, ou entre Galicia e Portugal. Este último é o caso da actividade inaugural Audicións Malmequeres, na que, baixo o título La trastienda del Fanzine Escupe. Música para cerebros inquietos, Chus Taboada e Eva Izquierdo (integrantes de Voces de Ultratumba, banda feminina de referencia na movida viguesa) presentarán unha viaxe sonora polos recunchos da década dos 80 cos sons da escena afterpunk. A cita será a partir das 12:40 horas.
Taboada e Izquierdo non serán as únicas viguesas que aparezan na grella secreta do venres, da que xa se coñece a presenza da Orquesta Clásica de Vigo. A formación, en formato sexteto, reconstruirá musicalmente, e inspirada grazas a unha partitura de Teódulo R. Páramos, unha película “perdida” de 1935 da que só se conservan vestixios: Canto de emigración. Desde as 14:15h ofreceranse microconcertos acústicos na cafetaría da illa, espazo no que tamén terán lugar as gravacións das Sesións San Simón, con Aleks Kolkowski, e dos obradoiros creativos Caderno de bitácora, impartidos polo taller vigués Arte&Garabato.
Ademais, longo de todo o día o público poderá descubrir o patrimonio natural, histórico e cultural da illa grazas ao roteiro independiente Descubre San Simón, ideado polo festival, e que conta con sete bastidores espallados pola illa no que, a través de códigos QR, contén información en galego, castelán e inglés sobre outros tantos feitos históricos e singulares vinculados ao arquipélago. Tamén a ceo aberto, e ilustrada sobre 16 paneis, está a Exposición A Escola Sinsal: A historia da música gravada en Galicia.
Finalmente, o novo Espazo Gastronomía (situado detrás do escenario Malmequeres) acollerá as actividades da liña A cociña Sinsal. A chef Begoña Vázquez realizará, da man de Aceites Abril, unha demostración (e posterior degustación) con produtos de proximidade; mentres que Juanma LoDo impartirá a primeira sesión do taller Do, re, Bip dirixido a todos os públicos.