O Festival Sinsal SON Estrella Galicia segue a presentar as actividades paralelas á programación dos concertos do evento cultural. Tal e como vén sendo habitual nestes últimos anos, Sinsal ofrecerá diversas iniciativas enmarcadas na liña Descubre San Simón, que agroman coa intención de dar a coñecer a memoria e patrimonio natural, cultural e histórico do arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón. 

O itinerario independente Descubre San Simón, que dá nome a esta liña de actividades, é un roteiro ideado por Sinsalaudio coa intención de divulgar a memoria do arquipélago entre as e os asistentes ao festival. A través de distintos paneis -elaborados con materiais sostibles e que se reutilizan en cada edición-, o roteiro dá a coñecer diferentes episodios da historia da illa. O itinerario conta con sete estacións, cada unha co seu panel correspondente e, a través dun código QR,  o público pode consultar a información en galego, español e inglés. As estacións son A roca de San Simón, Proxecto Trobadores, A avenida de Teruel, A paisaxe de Alejo Yáñez Andrade, O aeroporto marítimo de San Simón, A conexión de San Simón e o Pórtico da Gloria e, por último, a engadida no 2024, que pon en relación as vivencias de dous membros dunha mesma familia: os éxitos do músico ponteareán Reveriano Soutullo coa crueldade e represión vivida polo escritor Diego San José de la Torre como preso en San Simón. 

 

Outra das actividades paralelas que terán lugar o sábado 26 será xa habitual paseo polo arquipélago co investigador Xosé Lois G. Faílde, quen presentará Illario pantasma, un roteiro con tres estacións: Espectros botánicos, onde coñecer o corpo fitolóxico da paisaxe; Pantasmas literarios, sobre a pegada difusa do imaxinario da escrita da illa; e Pa(i)saxes esquecidxs, arredor da xenealoxía política soterrada no lugar. 

 

Xa de cara ao domingo 27, Sinsal contará de novo coa colaboración da asociación de turismo mariñeiro Amarturmar. As e os integrantes da entidade darán a coñecer polo miúdo, a través dunha andaina e ampla conversa, os recursos naturais e industriais da contorna da illa.