Escenario Océano
(Se es titular do Carné Xove da Xunta de Galicia lembra que tes un 15% de desconto na compra da túa entrada ao introducir o código "CARNEXOVEFESTIVAIS")
Unha nova xornada dedicada aos océanos como as grandes vías de divulgación e riqueza cultural será o punto de partida do festival Sinsal SON Estrella Galicia 2024.
O xoves 25 de xullo o porto de Vigo será o espazo que acolla o Escenario Océano, a iniciativa posta en marcha no 2023 da man de Sinsalaudio e Kaleido Logistics, alianza que pretende visualizar a relación entre a diversidade cultural e o patrimonio industrial vigués.
A xornada comezará ás 20.30 horas cunha visita guiada ao porto vigués, espazo estratéxico de gran valor económico e social para a cidade. Concretamente, as e os asistentes visitarán as instalacións de Kaleido Logistics situadas nos terreos portuarios, zona na que cada día acontece unha parte moi relevante da actividade industrial da cidade e que, en ocasións, resulta descoñecida para a súa veciñanza.
O público, dividido en catro grupos, realizará un percorrido guiado a través dos materiais e grandes bloques de granito presentes nesa zona portuaria. Durante a visita, cuxo acceso e saída será a través do ‘Tinglado’ do porto*, as e os asistentes achegaranse á xeoloxía deses monolitos xigantes, ao proceso loxístico que transcorre ata que chegan ao chan vigués e outros detalles da actividade industrial local.
A actividade finalizará cunha pequena conversa e cunha intervención musical singular no peche, a partir das 21.45 horas, que chegará da man do dúo madrileño Ombligo, caracterizado pola fusión estilística; e no que, polos seus temas, flúe o folclore balcánico, o bolero ou mesmo o jazz contemporáneo.
Polas características do espazo no que se desenvolverá a iniciativa, desde Sinsalaudio e Kaleido Logistics recomendamos só a asistencia de público adulto, ademais de levar calzado cómodo e pechado.
Horario
- 20.30 horas - Inicio visitas guiadas (acceso por grupos)
- 21.45 horas - Concerto de Ombligo
As persoas titulares do Carné Xove da Xunta de Galicia poderán adquirir as súas entradas cun 15% de desconto ao introducir o código "CARNEXOVEFESTIVAIS" na plataforma de venda de entradas.