Sinsal SON Estrella Galicia 2024 celebrarase na illa de San Simón os días 26, 27 e 28 de xullo
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia celebrará a súa nova edición na illa de San Simón os días 26, 27 e 28 de xullo. O evento cultural do cartel secreto, que o público só descubre ao desembarcar, volverá ofrecer unha programación caracterizada pola diversidade de estilos musicais e orixes das bandas e solistas que convivirán no corazón da Ría de Vigo a última fin de semana de xullo.
Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal. Cada ano ofrece a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento nun escenario excepcional: o arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón, un espazo declarado Ben de Interese Cultural. Tanto os abonos como as entradas de día esgótanse sempre ás poucas xornadas de saír á venda.
Desde os seus inicios, Sinsal presentouse como unha iniciativa cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para creadoras e creadores do ámbito internacional. A súa programación musical acompáñase, ademais, de numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural e natural de San Simón; ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, ou da recuperación dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas recollidas na nomeada Escola Sinsal.
Neste 2024, a programación de Sinsal SON Estrella Galicia desenvolverase en cinco escenarios distribuídos noutros tantos puntos do arquipélago. Máis de 20 bandas e solistas de distintos estilos musicais e orixes -tanto de Galicia coma doutras rexións de Europa, África, Asia ou América- actuarán nos palcos do festival pioneiro do cartel secreto, e que en cada edición segue a sorprender ás e aos asistentes a San Simón.