A illa de San Simón acolle este domingo a terceira e derradeira xornada do Sinsal SON Estrella Galicia, que bota o pano até o ano que vén. O festival, coñecido pola singulariedade da súa programación, contou na terceira e derradeira xornada do evento cun ecléctico cartel de dez concertos, no que catro bandas e solistas actuaron por vez primeira en España: foi o caso de Grove (Reino Unido), Al-Qasar (Francia-Marrocos), Faizal Mostrixx (Uganda) e Dal:um (Corea do Sur). Mais non foron as únicas estreas da xornada: o público galego puido ver ao vivo, por vez primeira, a Combo Chimbita (Colombia), Ara Queen of Drums (Nixeria) e Avalanche Kaito (Burkina Faso - Francia). Completaron o cartel dúas formacións galegas, concretamente, vinculadas ao territorio vigués: Fillas de Cassandra, que abriron a xornada no escenario Buxos FEST Galicia, e o cuarteto de corda da Orquestra Clásica de Vigo. 

En paralelo á programación musical, Sinsal SON Estrella Galicia ofreceu ao público a posibilidade de asistir a oito Sesións San Simón, as gravacións que as e os artistas do festival realizan cun fonógrafo do século XIX da man do investigador Aleks Kolkowski. Ademais, o público puido asistir á xornada de peche da exposición sobre a historia da casete Do cinema familiar ás casetes domésticas, ás escoitas colectivas Audicións San Simón ou ao obradoiro da caixa-libro A Escola Sinsal. Ademais, no marco da programación paralela Descubre San Simón, houbo novas sesións de pedal surf, o paseo guiado coa asociación Amarturmar e o obradoiro familiar Illas imaxinadas: laboratorio de paisaxes visuais e sonoras.
 

Sinsal SON Estrella Galicia, un dos encontros máis singulares e coidados do panorama estatal de festivais, celébrase desde o ano 2010 na Illa de San Simón. Nace coa intención de achegar unha aproximación ou pequena mostra do máis estimulante da creación contemporánea do momento, á vez que promove o coñecemento e posta en valor do patrimonio cultural, natural e histórico da illa. Así, artistas emerxentes da escena nacional e internacional viaxan cada verán até o corazón da Ría de Vigo para presentar as súas propostas, que conforman un cartel secreto que o público descoñece -a pesar de esgotar as entradas- ata desembarcar. Nesta edición de 2023, pola illa pasaron 26 bandas de 18 países chegadas de Angola, Arxentina, Bélxica, Burkina Faso, Colombia, Corea do Sur, Estados Unidos, Estonia, España, Francia, Holanda, Xapón, Marrocos, Nixeria, Portugal, Reino Unido, Sudán e Uganda.
 

Sinsal SON Estrella Galicia destaca, especialmente, pola súa aposta pola diversidade cultural,  que demostra a través dunha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons máis populares e até a música experimental, pasando pola electrónica, a psicodelia ou mesmo as músicas urbanas. O festival afonda así no seu compromiso pola igualdade, tal e como recoñeceron este ano os Iberian Festival Awards, sendo o evento estatal máis destacado pola súa Contribución á Igualdade: a presenza feminina é moi relevante tanto nas súas propostas musicais (como líderes ou por estar conformadas 100% por mulleres) coma no seu staff e a súa programación, que pon o foco na diversidade lingüística, tamén atende e visualiza artistas queer.