Estes premios, organizados pola organización TalkFest (International Music Festivals Forum), recoñecen o traballo dos festivais portugueses e españois. Teñen un prazo de voto aberto e unha fase posterior de selección dos proxectos por parte dun xurado; en cada categoría prémiase a dous festivais, un deles no ámbito do anfitrión. En 2019, o festival que organizamos desde 2010 na Illa de San Simón (Redondela), mereceu ser distinguido como o mellor formato pequeno en España.

Os premios son unha cuestión relativa, pero, obviamente, sentimos moita alegría. Para nós esta é unha oportunidade de comunicarnos con vós de maneira sentida e directa, para darvos as grazas. E dunha maneira moi afectuosa, crédenos. Os premios recórdannos as redes, os apoios, as colaboracións, as complicidades e, sobre todo, que non hai proxecto sen equipo. E o equipo Sinsal SON Estrella Galicia medra cada ano.

Patrocinadores, colaboradores, empresas e institucións, medios de comunicación e xornalistas e, por suposto, ese pequeno, pero gran público, en nome de todo o equipo organizador de Sinsal SON Estrella Galicia, grazas de corazón.