Descubre o patrimonio natural, histórico e cultural de San Simón
As e os asistentes a Sinsal SON Estrella Galicia poderán coñecer de primeira man o patrimonio natural, histórico e cultural do arquipélago a través das actividades agrupadas baixo a denominación Descubre San Simón. Como novidade, Sinsal propón ao público a posibilidade de realizar un roteiro polo arquipélago, sen guías, para coñecer a súa historia. A través de seis paradas, -sinalizadas e que incorporan un código QR para ampliar a documentación en galego, español e inglés- as e os asistentes ao festival coñecerán as transformacións do territorio ao longo do tempo: como fonte de inspiración da lírica medieval, como lazareto e campo de concentración, a creación do paseo dos Buxos, de cando estivo a piques de ser o primeiro aeroporto marítimo de Galicia ou mesmo da súa conexión de San Simón co Pórtico da Gloria.
As actividades gratuítas de Descubre San Simón inclúen visitas en grupo pola illa, como é o caso do Paseo Islario Marabilloso, guiado polo investigador Xosé Lois Gutiérrez Faílde e do que se celebrarán dous pases o sábado 22; ou mesmo un percorrido con axentes sociais de proximidade, como o Paseo con Amarturmar. Membros da asociación cultural de mulleres e homes do mar de Cesantes darán a coñecer ao público a diversidade mariñeira do lugar, o papel da economía circular e como o cambio climático está a transfromar os recursos naturais da zona. Para poder participar nestas andainas, será necesario realizar unha inscrición previa na propia illa, no Punto de Información e Administración. A saída de cada roteiro terá lugar desde a Casa da Cultura de San Simón.
Sinsal ofrecerá a posibilidade de facer unha actividade de deporte náutico 100% sostible e segura como é o pedal surf, coa que se percorrerá o perímetro da illa desde a auga en rutas duns 30 minutos. Para participar nesta actividade -aberta a todos os públicos, e para menores a partir de 5 anos acompañadas dunha persoa adulta- é necesario adquirir, previamente, os tickets a través do espazo web do festival.
Para consultar todos os horarios e detalles das actividaes, podes visitar a sección de Actividades paralelas.