Durante o festival Sinsal SON Estrella Galicia sucederanse as actividades divulgativas vinculadas á programación paralela e que se enmarcan no proxecto A Escola Sinsal, e que incluirán, entre outras accións, a exposición sobre a historia da casete Do cinema familiar ás casetes domésticas, e un obradoiro impartido pola artista Sarah Rashines no que o público aprenderá a xerar loops cunha cinta de casete e creará a súa propia caixa-libro da Escola Sinsal. 

Dentro desta liña, atópanse tamén as Sesións San Simón e as Audicións San Simón, dúas actividades que se levarán a cabo grazas á colaboración do experto en gravacións de cilindro fonográfico Aleks Kolkowski. A primeira delas, na que participarán artistas do festival, consiste no rexistro dunha canción de dous minutos nun ciclindro de cera. Estas Sesións San Simón -que fan referencia ao propio arquivo de vídeo do festival gravado ao longo destes anos-, ás que o público pode asistir, celebraranse en distintos espazos do arquipélago -concretamente, no mirador de cristal de Buxos e xunto ao escenario Santo Antón Clásico-, nos que se instalará un estudio de gravación cun fonógrafo do s. XIX. 


Tamén coa colaboración de Kolkowski celebraranse as escoitas das Audicións San Simón, nas que o público poderá rememorar a instalación no espazo público da primeira máquina de discos para a escoita colectiva -gramola ou jukebox-. Entre os rexistros que se poderán ouvir, están as respostas recibidas na convocatoria Que é a música para ti?, publicada por Sinsal no mes de maio.
 

Outra das grandes novidades da programación paralela desta edición será a posibilidade de gozar dalgunhas das actuacións do Sinsal da última década grazas á realidade virtual. Así, o venres 21, a capela de San Simón acollerá a pre-estrea do documental Road to Meta-Stage: The Documentary, proxecto impulsado por Toño Cabanelas (Liveforevr!) da man do festival Sinsal SON Estrella Galicia, e que narra a historia dun dos primeiros escenarios virtuais do mundo. A proxección realizarase no formato Theater VR, que permitirá que distintas persoas poidan experimentar, á vez, contidos inmersivos grazas á sincronización de varias lentes de realidade virtual.


 

Tamén na mesma capela de San Simón, pero xa de cara ao sábado 22 e o domingo 23, celebrarase Illas Imaxinadas: Laboratorio de paisaxes visuais e sonoras, un obradoiro familiar para a creación, desde unha perspectiva lúdica, de ambientes visuais e sonoros a través de diferentes procesos, dispositivos e artefactos. Estableceranse diferentes quendas e en cada unha poderán participar -de xeito totalmente gratuíto- 20 persoas.