O festival Sinsal SON Estrella Galicia prepárase para celebrar esta fin de semana a súa nova edición, que decorrerá do venres 21 ao domingo 23 na illa de San Simón.   Todas as entradas para asistir á cita, un dos encontros máis coidados e singulares do panorama musical estatal e cuxo cartel é secreto ata que o público desembarque na illa, están esgotadas.

Sinsal SON Estrella Galicia ofrecerá, ao longo de tres xornadas, unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento. Un total de 26 bandas e solistas procedentes de 18 países diferentes actuarán no festival. Angola, Arxentina, Bélxica, Burkina Faso, Colombia, Corea do Sur, Estados Unidos, Estonia, España, Francia, Holanda, Xapón, Marrocos, Nixeria, Portugal, Reino Unido, Sudán e Uganda son os lugares de orixe das e dos artistas que participarán no evento, das cales 9 se estrearán en España e 16 actuarán por vez primeira en Galicia. O festival afonda así na súa aposta pola diversidade cultural a través dunha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons máis populares e até a música experimental, pasando pola electrónica, a psicodelia ou mesmo as músicas urbanas. Ademais, tamén destaca unha relevante presenza feminina nas propostas que conforman o cartel secreto do Sinsal, ben sexa como líderes das mesmas ou porque o 100% das súas integrantes son mulleres.
 

Neste 2023, Sinsal SON Estrella Galicia contará con catro escenarios nos que se desenvolverá a súa programación musical. En San Simón estarán os habituais Buxos FEST Galicia e San Simón SON Estrella Galicia; mentres que ao outro lado da ponte haberá dous palcos: Santo Antón, que acollerá concertos co público en cadeiras cada día -propostas intimistas co público sentado ás que se poderá acceder por orde de chegada ao recinto e até completar a capacidade do mesmo-, e o novo Santo Antón Clásico, que acollerá micro-concertos de música clásica de dúas agrupacións de talento novo o sábado 22 -cun repetorio centrado en compositores renacentistas-, e domingo 23 -que se centrará na celebración do 300 aniversario d’As catro estacións de Antonio Vivaldi-.  Estes recitais -cada día dun ensemble diferente- terán lugar ás 17:00, 17:30 e 18:00 horas e a duración de cada pase será de 15 minutos.