Jukebox, gramola ou rockola son algúns dos nomes que se lle dan á maquina de discos con música gravada, que se deu a coñecer no espazo público un 23 de novembro do 1889 en San Francisco. Consiste nun fonógrafo automático que reproduce un cilindro fonográfico e sustitúe a campá acústica por unha instalación de auriculares por tubo. Este enxeño mecánico, que se converteu en toda unha sensación pública, fixo posible a escoita colectiva de música con auriculares: entre 10 e 12 persoas podían escoitar un audio ao mesmo tempo.
 

Coa idea de revivir aquela experiencia, presentámovos, no marco das actividades vinculadas ao proxecto divulgativo A Escola Sinsal, as Audicións San Simón. Durante os tres días do festival, programaranse na illa sesións en aberto onde poderedes recuperar ese momento. Os cilindros que se reproducirán durante estas sesións serán gravados cos arquivos de audio que nos enviedes até o 21 de xuño respondendo a pregunta Que é a música para ti? 
 

Para participar das Audicións San Simón só tedes que gravar unha nota de voz co voso móbil, duns dez segundos de duración, e enviala a través de Whatsapp ao teléfono 674 485 137. Todas as respostas poderanse escoitar, de xeito colectivo, en San Simón, concretamente na nova exposición da Escola Sinsal, que este ano afondará na gravación magnética e nos seus diferentes soportes.