Auga, unha illa e, coma sempre, un cartel secreto. Sinsal SON Estrella Galicia celebrará unha nova edición do festival na illa de San Simón os días 21, 22 e 23 de xullo de 2023. Serán tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas en canto o estilo e a orixe das máis de vinte bandas e artistas que participarán na súa programación secreta: o público só descobre quen actúa cada día unha vez desembarca esa mesma xornada na Illa.
 

Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal, que ofrece cada ano, a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento. Desde os seus inicios, a promotora Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para creadoras e creadores do ámbito internacional. Todas elas, chegadas desde os cinco continentes, presentaron en San Simón as súas propostas musicais para, anos despois, ser parte de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo. Este ano, Sinsal SON Estrella Galicia volverá acoller a estrea estatal de numerosas agrupacións e solistas chegadas doutros países. Artistas que, tamén como é habitual no festival, convivirán co público asistente durante a súa estancia no corazón da Rías Baixas.

A edición 2023 do festival desenvolverase en horario diurno. O público chegará en barco ata a illa para gozar das actuacións, que este ano terán lugar entres escenarios diferentes nos que se poderá gozar dunha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons populares até a música experimental, pasando por outras iniciativas sonoras; ademais de coñecer o patrimonio oculto da illa a través de diferentes actividades divulgativas que se desenvolverán en diferentes horarios ao longo o día. Asi, durante toda xornada, e ata coller o barco de volta co solpor, as e os asistentes poderán experimentar unha proposta singular única no panorama musical estatal, na que música, cultura, diversidade, igualdade e sostibilidade conviven co patrimonio natural dun espazo declarado Ben de Interese Cultural.