Sinsal Outono 2022 celebrarase os días 16 e 17 de setembro no MARCO de Vigo
Os días 16 e 17 de setembro Vigo ten unha cita coa música e artes visuais de vangarda: regresa Sinsal Outono, o ciclo de concertos intrinsecamente vinculados á experimentación sonora, á vangarda e á creación contemporánea nas súas múltiples expresións.
Sinsal Outono, proxecto cultural que impulsa a promotora local Sinsalaudio, conta un ano máis coa colaboración principal do Concello de Vigo, coa intención de visualizar propostas singulares e únicas, de difícil clasificación e, por tanto, pouco habituais na programación dirixida ao público xeral. Neste 2022 desenvolverase nun dos espazos de referencia do universo da investigación, creación, innovación e produción contemporánea no ámbito local, comarcal e galego, e que acompañou o desenvolvemento e proxección da propia Sinsalaudio ao longo destas dúas últimas décadas: o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO).
Sinsal Outono 2022 ofrecerá dúas noites ateigadas de experimentación e de visualización de propostas musicais contemporáneas con bandas e artistas chegadas de distintos puntos Madrid, Valencia e Portugal, grazas tamén á colaboración do Instituto Camoes. Dullmea, El Hijo, Luís Fernandes e Otro conformarán o cartel desta nova edición do ciclo, cuxas entradas están á venda, desde hoxe mesmo, na plataforma Enterticket. O prezo da entrada anticipada é de 10 euros (máis gastos de xestión), e os menores de 9 anos accederán gratuítamente.