Este domingo, 24 de xullo, celébrase a última xornada do festival Sinsal SON Estrella Galicia na illa de San Simón. O cartel secreto de hoxe, cuxas actuacións comezaron ás 12.55h, agochaba os nomes de Santi Araújo, Haepaary, Ensemble Liberdade, Lucas Estrela & Strobo, Eva Pico, Rocío Márquez & Bronquio, Mula, Steam Down, Paco Moreno, Víktor Flores e Ensemble Orquestra Clásica de Vigo.
 

Dez concertos e unha sesión de DJ set conforman a programación desta terceira xornada de directos ao vivo na illla redondelá, que se completa coas actividades paralelas que se están a desevolver ao logo desta edición, como visitas guiadas, encontros con artistas, talleres de reciclaxe en familia ou mesmo rutas en pedal surf. O festival, que neste 2022 contou con 2.400 asistentes (800 persoas ao día en San Simón, con todas as entradas e abonos esgotados desde hai semanas), pecharase mañá, luns 25, cun concerto sorpresa no estaleiro vigués Cardama Shipyard dunha banda europea que non actuou este ano en San Simón.
 

O pontevedrés Santi Araújo foi o responsable de abrir a terceira xornada no escenario Buxos Xacobeo 21-22, nunha sesión na que presentou o seu último disco, ‘Suelta Ø Muerde’, unha lectura en clave pop-rock sobre as emocións e os contrastes vitais. O compositor galego deu paso ás coreanas Haepaary, que ofreceron este domingo un segundo pase logo da súa sorprendente actuación no día de onte. Ás 15.05 foi a quenda de Ensemble Liberdade, a nova agrupación de música galega de vangarda conformada por un cuarteto de corda, percusión e trío de ventos. Baixo a batuta de Xacobe Martínez Antelo, o grupo instrumental continúa na senda da improvisación dirixida e da música contemporánea como campo de experimentación sonora e musical.

Á primeira hora da tarde o Ensemble Orquestra Clásico de Vigo abriu a segunda xornada dos microconcertos para público reducido Santo Antón Acústico, cunha proposta na que o trío conformado por Celia Vallo Gil, Raúl Martínez Temperán e Iria Pérez Salgueiro, estudantes do Conservatorio Superior de Música de Vigo, interpretaron pezas de Kummer e Muczynski. En paralelo, en San Simón, chegou a música doutro trío, neste caso os brasileiros Lucas Estrela & Strobo, no que deron boa conta das paisaxes sonoras do Amazonas e a singular proposta de experimentación entre o carimbó e a música dixital. As novas voces, neste caso galegas, tamén foron protagonistas doutra das sorpresas da xornada: o escenario Descúbreas. A cantante, compositora e instrumentista de Marín Eva Pico, quen forma parte do programa de visualización de mulleres artistas da Deputación de Pontevedra ‘Descúbreas’, amosou o seu talento diante do público da illa.  

Ás 17.30 será a quenda dunha das unións máis celebradas dos últimos tempos: a da recoñecida cantaora de flamenco Rocío Márquez (quen xa actuara no Sinsal Museo do Mar) e Bronquio. O dúo presenta en San Simón ‘Tercer Cielo’, un traballo no que ambas figuras percorren un tránsito creativo entre o flamenco e a electrónica, silencios e loops: temas repletos de polifonías e melodías de sintetizadores no que os textos de Carmen Camacho, Luis García Montero, Federico García Lorca ou da propia Rocío Márquez percorren todo un mundo de experimentación, memoria e pensamento ensanchando os límites da tradición flamenca.

Desde Andalucía, o público asistente cruzará o océano: os ritmos caribeños chegan ao cartel do Sinsal SON Estrella Galicia da man de MULA; a banda dominicana de música electrónica conformada polas irmás Anabel e Cris Acevedo e a produtora Rachel Rojas. Autoras de temas que forman parte de bandas sonoras de series de éxito internacional, na illa de San Simón presentarán o seu último disco, ‘Mundos’. Outra das sorpresas desta edición do festival é a participación dunha representación do colectivo Steam Down, unha das propostas máis relevantes no marco da escena jazzística londinense e que recolle boa parte da paisaxe sonora da metrópole. A agrupación será o ramo do escenario San Simón SON Estrella Galicia, mais non será o último concerto: as táboas do Buxos Xacobeo 21-22 acollerán a presentación ao vivo de ‘Rumba Plus’, o primeiro LP de Paco Moreno, quen fará bailar ao público sinsaleiro a ritmo de cumbia, rumba, pop e funk. Finalmente, o vigués Víktor Flores amenizará o fin de festa na illa cun dj set que comezará ás 21.45 horas.