Tres xornadas de concertos que aúnan tradición e vangarda entre os días 13 e 21 de novembro. Así será o novo Sinsal Museo do Mar, o ciclo de Sinsalaudio que se celebrará a partir deste sábado na cidade de Vigo e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22. Xunto ao concerto inaugural de Luísa Sobral, que terá lugar o vindeiro sábado 13 no Teatro Afundación, artistas como Nico Casal, Marco Maril, Verde Prato, rebe, Nacho.Faia.Lar e Adrian Timms sumaranse a semana que vén ao evento, que amplía a súa programación con dúas xornadas de celebración no Museo do Mar. Precisamente na xornada de onte o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o co-director de Sinsalaudio, Luis Campos, visitaron da man do arquelógo Vicente Caramés as instalacións nas que se desenvolverán os concertos da fin de semana que vén. 
 

Sinsal Museo do Mar comezará este sábado 13 cun concerto inaugural de Luísa Sobral, unha das voces novas máis salientables da escena musical portuguesa. As creacións da cantante e compositora transitan entre os universos sonoros do jazz, do folk ou do indie, dos que dará boa conta no directo que ofrecerá no Teatro Afundación, e para o que todavía quedan entradas a través de www.ataquilla.com. Sobral presentará en Vigo un repertorio no que destaca Rosa (2018), traballo íntimo e cru producido por Raül Refree, ou Luísa (2016), disco aclamado pola crítica portuguesa.

O ciclo completará a súa programación cos novos directos que se celebrarán no Museo do Mar na tarde do sábado 20 (17.15 a 22.00 horas) e na mañá do domingo 21 (13.00 a 14.00 horas) e para os que xa está activa a venda de entradas en enterticket.es. Unha ampla variedade estilística fiada pola  contemporaneidade, a proximidade e as voces femininas definen esta programación, que recolle propostas diversas e pouco habituais no circuíto das salas de concertos ou festivais e varias estreas ante o público vigués.
 

O recinto museístico contará con dous escenarios, situados nas salas Curiosidades científicas e Lonxa, nos que se sucederán os concertos ao longo da tarde. Na primeira das salas, a máis pequena das dúas, terán lugar as actuacións en acústico do compositor e produtor británico residente en Vigo Adrian Timms e dunha das revelacións da escena actual: a poliédrica e hipnótica rebe.
 

A sala de maior capacidade, Lonxa, acollerá na tarde do sábado 20 os concertos do músico e artista sonoro Marco Maril, que presentará por primeira vez en Vigo o seu último disco, 15.11.18, inspirado precisamente no Museo do Mar; Verde Prato, unha das máximas expoñentes da xeración de artistas que está a recuperar e reformular a tradición popular vasca da man de elementos electrónicos, debutará na cidade; e Nacho·Faia·Lar, o novo proxecto dos recoñecidos músicos Nacho Muñoz, Faia e Lar Legido. Ao día seguinte, ás 13.00 horas do día 21, o pianista e compositor galego de bandas sonoras Nico Casal ofrecerá o seu primeiro concerto na cidade olívica.


 

Catro tipos de entrada para o Museo do Mar
 

Xunto aos nomes que completan o cartel, outra das novidades deste Sinsal Museo do Mar é que a organización ofrecerá catro tipos de entrada, á venda desde hoxe mesmo: un bono para asistir a todos os concertos do sábado 20 (25 euros), entradas para público maior de 12 anos (8 euros cada sesión), billetes para menores de 12 anos ou desa idade no momento de celebración (3 euros) e, finalmente, entrada de balde para as e os menores de 3 anos. Á hora de realizar a compra na plataforma Enterticket, o público poderá escoller o tipo de billete que lle interese.