Sinsal presenta 'Tatuado nos ollos levamos o pouso', curta documental sobre o marisqueo na enseada de San Simón
A enseada de San Simón segue a ser protagonista da última edición do festival Sinsal SON Estrella Galicia. Como peche do evento, este domingo 15 de agosto terá lugar a derradeira actividade paralela deste Sinsal Esencial.
A lonxa de Cesantes, en Redondela, acollerá a presentación de Tatuado nos ollos levamos o pouso, a nova curtametraxe documental da cineasta redondelá Diana Toucedo que produce Sinsalaudio, coa participación do Concello de Redondela. A directora dará a coñecer este novo proxecto, rodado en 16mm e dixital, acompañada das propias protagonistas do filme: as mariscadoras e mariñeiros que traballan e manteñen viva a tradición deste oficio na Confraría de San Xoán de Redondela.
O acto, que terá lugar ás 20.45 horas na lonxa de Cesantes, tamén contará coa participación do programador e xestor cultural Javier Trigales e da cantante e compositora BFlecha, quen colabora neste proxecto a través da súa música. O acceso á presentación será gratuíto, mais o público deberá retirar previamente a súa entrada, a partir das 20.15 horas, no propio edificio da lonxa. A acto poderá contar cun máximo de 150 persoas.
Tatuado nos ollos levamos o pouso, cuxas primeiras imaxes puido coñecer o público que asistiu á illa de San Simón a fin de semana pasada, é unha curta documental ideada durante a celebración do Sinsal Litoral 2020. A través dunha ollada que se achega á etnografía sensorial, a cineasta busca amosar, mediante os xestos e os coidados, o traballo das mulleres e dos homes do mar na ría de Vigo. “Oficios artesanos e ancentrais que son unha simbiose fundamental entre a terra e o mar, unha forma de relación filtrada a través dos seus corpos, das súas herdanzas e do seu futuro”, apunta Toucedo.