Sinsal Esencial propón un paseo en catamarán pola enseada de San Simón coa estrea ao vivo do novo álbum dun artista galego secreto
Novas actividades paralelas no Festival Sinsal SON Estrella Galicia! A cita musical ofrecerá un paseo en catamarán dunha hora e media pola enseada de San Simón o sábado 24 de xullo, en horario de mañá.
Sinsal Esencial, tal e como se denomina esta edición do festival, quere facer fincapé nos valores máis esenciais e salientables do evento: a sostibilidade, a natureza, a experiencia e a música ao vivo de creadoras e creadores galegos. Neste percorrido en catamarán, que partirá do embarcadoiro de San Adrián de Cobres ás 12.00 horas, o público asistente -un máximo de 60 persoas- poderá coñecer, durante unha hora media, este enclave da man e experiencia dunha guía especializada.
A memoria da illa e a historia do seu patrimonio, xunto á natureza e espectacular contorna de San Simón, serán os fíos condutores dunha proposta que, como non podería ser doutro xeito, tamén inclúe un secreto musical.
A cita no catamarán engade a estrea en directo, durante o paseo, do novo disco dun artista galego, que o público descubrirá no momento de subir ao barco. O artista ofrecerá un concerto en acústico de 40 minutos para dar a coñecer, en primicia, este traballo discográfico. Deste xeito, Sinsalaudio mantén a súa aposta pola promoción do talento do país á vez que relaciona a cultura galega coa súa contorna natural.
As entradas para o paseo en catamarán pola enseada de San Simón sairán á venda o luns 19 ás 12.00 horas a través da plataforma Enterticket.