Para  Sinsalaudio, empresa promotora do festival da Illa de San Simón, a sostibilidade tanto na súa organización, como nas distintas actividades e eventos que promove e produce, é unha prioridade. O Festival Sinsal SON Estrella Galicia, realizado nun espazo protexido como é a Illa de San Simón, funciona como guía para todos os proxectos da promotora. “O noso compromiso coa sostibilidade non é novo, senón que está na nosa orixe, é parte da nosa cultura e está presente no noso día a día. Proba disto son as diferentes actuacións que fomos implementando en edicións anteriores no ámbito medioambiental, económico e social”, subliña Julio Gómez. Sinsal SON Estrella Galicia é, desde os seus inicios, un festival pequeno, diurno e respectuoso coa contorna, que incorporou a igualdade de xénero nos seus valores e principios desde a primeira edición, que facilita a participación das familias e dos novos públicos e que fomenta o consumo responsable e o produto local. O festival tamén era finalista nos Premios Fest 2019 na categoría de Igualdade, galardón que recaiu no Músiques Sensibles, de Barcelona.