Sinsal SON Estrella Galicia 2019 despídese de San Simón pero vémonos no Museo do Mar en setembro
O domingo foi o día máis familiar do festival; a presenza de pequenas e pequeno mudou a paisaxe humana do festival. Para todas aquelas persoas que chegan ao festival coas súas fillas e fillos, o festival prepara unha oferta especial de programación que abrangue desde kaiak na enseada de San Simón até unha proposta de experiencia con espellos polo marabilloso Paseo dos Buxos da illas. Ademais, arquitectura para os máis pequenos e talleres de origami e cianotipía.
Para as persoas adultas, as catas de viño e conservas e as andainas pola illa esgotaron as prazas disponibles. As andainas comezaron na pasada edición co obxectivo de “satisfacer” a curiosidade do público ao redor da historia, paisaxe e arte de San Simón. Unha paréntese no festival para un paseo pola illa de tres cuartos de hora acompañados de Julio Gómez, codirector do festival e Iria Vázquez, especialista en arte e paisaxe, que percorren unha historia de séculos que levou á illa a ser fonte de inspiración poética, lazareto e campo de concentración tras o golpe de Franco en 1936.
The Venopian Solitude, a banda de Malasia que abriu a xornada do domingo, foi unha das máis aplaudidas polo carisma e simpatía da súa lider e cantante Takahara Suiko, Cantante e antropóloga, chegou desde Istambul Gaye Su Akyol co seu toque psicodélico para o segundo concerto da tarde. Seguiron Surma, desde Leiria (Portugal), STUFF, representantes do novísimo jazz europeo desde Bélxica, e a banda brasileira Liniker e os Caramelows, unha banda xa moi famosa no seu país. A súa cantante e compositora Liniker Barros protagonizou un concerto cheo de complicidade co público; xa pola mañá participara nunha charla sobre a visibilización das mulleres trans, conducida por Cristina Palacios, da asociación Arelas coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Pecharon a xornada os británicos Teleman e o gospel ultraenérxico de Michelle David & The Gospel Sessions, que fixo da despedida do festival unha auténtica celebración.
Rocío Márquez en setembro no Museo do Mar
E despediuse o festival en San Simón avanzando os nomes do que será o Sinsal SON Estrella Galicia Museo do Mar de Galicia en Vigo, os días 7 e 8 de setembro, un evento que nacía o pasado ano en Vigo co obxectivo de poñer en marcha un festival no que a música e o patrimonio marítimo fosen da man, coa complicidade do noso patrocinador principal: SON Estrella Galicia, e coa Xunta de Galicia. Sinsalaudio aproveitou a celebración do festival en San Simón para anunciar que Rocío Márquez, referente xa do flamenco que racha cos clichés do xénero, encabezará un cartel do que tamén participan a arpista Mary Lattimore, a cantante galega Faia Díaz ou o grupo Iko Cuyagua, un dos gañadores do concurso que cada ano pon en marcha Estudios Mans, da Fundación Paideia. Ademais, a ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) mostrará un proxecto ao redor do universo de Verne. As entradas para Sinsal SON Estrella Galicia no Museo de Mar sairán á venda a principios de agosto.
Tras esta nova edición en San Simón, a organización do festival avaliará, como é habitual, o impacto e resultados das medidas a prol dun evento sostible, entendido como respectuoso, aberto e participativo. Sinsal SON Estrella Galicia 2019 continúa coa súa estratexia de sostibilidade nos ámbitos social, medioambiental e económico. Protagonismo de mulleres no staff e cartel artístico, eliminación de plásticos, oferta gastronómica diversa con produto ecolóxico e local, segunda oportunidade para materiais ou propostas de transporte compartido, son algunhas das accións impulsadas. O obxectivo a curto prazo: que público, colaboradores e provedores se impliquen na estratexia do festival, como parte que son do mesmo. Estratexia que se aplicará en todos os eventos da marca, como que o que terá lugar no Museo do Mar de Galicia, Vigo, os días 7 e 8 de setembro.