7 concertos, 7 xeografías: diversidade na xornada do sábado 27 en San Simón
The Venopian Solitude, banda que abriu unha xornada, é un proxecto que se inicia hai unha década baixo o prisma persoal da cantante Takahara Suiko e utilizando as novas ferramentas online para editar e lanzar unha música cunha instrumentación moi orixinal. En 2016 participa na selecta Red Bull Music Academy en Montreal. Takahara Suiko foi unha das grandes revelacións para o público do Sinsal SON Estrella Galicia 2019, que non parou de facerse fotos con elas durante o día. Cantante e antropóloga, chegou desde Istambul Gaye Su Akyol co seu toque psicodélico para o segundo concerto da tarde. A artista expande as súas músicas este verán en diferentes cidades europeas co seu segundo disco “Istikrarlı Hayal Hakikattir” (tradúcese como Consistente Fantasía é Realidade), e a súa visión do rock turco, aliñado con sons da cultura arabesca. A terceira proposta do festival foi Surma, desde Leiria (Portugal).
A estratexia sostible de Sinsal
Sinsal SON Estrella Galicia 2019 continúa coa súa estratexia de sostibilidade nos ámbitos social, medioambiental e económico. Protagonismo de mulleres no staff e cartel artístico, eliminación de plásticos, oferta gastronómica diversa con produto ecolóxico e local, segunda oportunidade para materiais ou propostas de transporte compartido, son algunhas das accións impulsadas. O obxectivo a curto prazo: que público, colaboradores e provedores se impliquen na estratexia do festival, como parte que son do mesmo. Desde a organización, percíbese un cambio importante nos hábitos dos asistentes; quizáis, un dos máis visibles, non tirar cabichas ao chan.
Así, dos sete concertos programados no sábado, cinco foron proxectos liderados por mulleres artistas. Ese o caso da banda de moda en Brasil Liniker e os Caramelows. En 2016 chamou a atención fóra de Brasil co seu primeiro disco longo “Remonta” e a súa nova Musica Preta Brasileira (MPB). Ao ano seguinte tocan en Europa e triunfan no Primavera Sound 2017 coa súa mestura de potentes temas na procura do puro baile con cancións máis reflexivas, sociais e políticas, como Sem Nome mas con Endereço, sobre o que significa ser muller trans en Brasil. Liniker Barros é a súa cantante e compositora.
E tras os concertos dos STUFF, considerados os responsables da nova escena do jazz en Bélxica e Teleman, o grupo pop británico que en 2018 puña música e cor a unha campaña da marca sueca Ikea e que chegaban a San Simón co seu disco “Family of Aliens”, chegou a diva gospel Michelle David coa súa banda. Se a súa misión era gospelizar á audiencia, abofé que o conseguiu. Elegancia nun directo pleno de groove, na que é a súa segunda incursión europea tras pasar por Londres, Madrid, Berlín e París o pasado ano.