Unha banda punk, negra e feminista; as Big Joanie poderían ser unhas Ronettes pasadas pola filosofía DIY dos oitenta e as riot grrrl dos noventa. Elas abriron a edición 2019 de Sinsal SON Estrella Galicia o xoves 25 de xullo. En activo desde 2013, foi o ano pasado cando, nun concerto abrindo para os holandeses The Ex, foron descubertas por Thurston Moore, Eva Prinz e Abby Banks. Dese encontro xorde un selo novo The Day Dream Library Series e un álbum debut titulado “Sistahs”. Temas como a amizade, a melancolía ou a esperanza nun disco lanzado o pasado novembro e recibido con entusiasmo por Rolling Stone, Pitchfork ou The Quietus. A murciana residente en Suecia, Lidia Damunt, foi a segunda artista da tarde, en pleno lanzamento do seu disco “Nacer en Marte”, inspirado na ciencia ficción. 

Mattiel, a nova sorpresa en ascenso do rock estadounidense, saiu ao escenario da illa de San Antón ás sete da tarde. A cantante e deseñadora de Atlanta (medrou nunha granxa en Georgia antes de mudarse á capital) chegou a San Simón como unha das grandes voces do rock actual; atitude e carisma para unha artista que nos fai pensar na australiana Courtney Barnett e tamén nas estadounidenses Sleater-Kenney.  Ademais de interpretar cancións do seu primeiro disco, publicado hai dous anos con Burger Records, e do EP de seis cancións editado en 2018 co título “Customer Copy”, Mattiel trouxo a San Simón con “satis factory”, saído do forno no mes de xuño. A primeira visita á península dunha artista, que este verán, entre outras citas, participou no Festival Glastonbury. 
 
Charlotte Adigéry, belga de orixe caribeña, presentouse na illa como unha grande contadora de historias. Descendente da tribu nixeriana Yoruba, que atopou o fin da escravitude na afastada illa de Martinica, no Caribe, Adigéry encontra a súa inspiración nas tradicións musicais dos seus ancestros. Co seu traballo “Zandoli” está producido polos responsables do selo Deewee, David e Stephen Dewaele, tamén coñecidos como Soulwax ou 2ManyDJs. 

Pechou a xornada de concertos a frescura e mocidade da banda de Ghana FRA!, que fusiona os ritmos tradicionais ghaneses como o highlife con sons máis rockeiros. Músicos moi novos, de vinte e poucos, que participaron no Festival Vis a Vis que cada ano organiza Casa África levando a promotores españois a diferentes lugares de África para que coñezan os talentos musicais desta área. Os artistas gañadores participan nalgúns dos festivais españois máis coñecidos, como Sinsal SON Estrella Galicia. Unha xornada inaugural con case cheo (o resto das xornadas están esgotadas) que inaugura unha edición número 10 en San Simón coa sostibilidade e o respecto pola contorna como eixos do traballo a desenvolver.