O Festival Sinsal SON Estrella Galicia despide este domingo, 27 de xullo a súa 23ª edición (a 15ª na illa de San Simón) cunha xornada ateigada de diversidade musical na súa grella secreta de concertos e coas estreas, en territorio estatal, das bandas Arsenal Mikebe (Uganda), BITOI (Suecia), Dog Race (Reino Unido) e UCHE YARA (Austria). Tamén teñen hoxe a súa primeira actuación ante o público galego Asmâa Hamzoui & Bnat Timbouktou (Marrocos), Fin del Mundo (Arxentina) e Rocío Guzmán (España), nunha programación que completan as pandeireteiras Tanxedoras, Pedro Blázquez -con dobre sesión de DJ no escenario Malmequeres- e a Orquesta Clásica de Vigo coa súa proposta Rumbantela

Un total de 2.400 persoas -800 por día- asistiron ao Festival Sinsal 2025, que ofreceu un total de 17 debuts en Galicia -12 de eles en España- ao longo de tres xornadas de directos, audicións, visitas guiadas e obradoiros. A programación deste domingo complétase coas actividades culturais paralelas enmarcadas nas liñas A Escola Sinsal (Audicións Malmequeres -na que Isabel Díaz e Pedro Blázquez recuperaron as míticas emisións de club Radio Minuto de Barcelona-), Sesións San Simón, Exposición A Escola Sinsal: a historia da música gravada en Galicia), Descubre San Simón (co roteiro independente homónimo, co laboratorio creativo interxeracional Caderno de bitácora, e Visita guiada con Amarturmar, a asociación de mulleres de homes do mar de Cesantes) e A cociña Sinsal (o showcooking Porto Muíños x Arián Chef e o taller Do, re, Bip).