O Festival Sinsal pon o foco na sostibilidade e na economía circular a través d’A cociña Sinsal

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia, que terá lugar do 25 ao 27 de xullo na illa de San Simón, completa a súa programación de actividades paralelas coa presentación das propostas enmarcadas na nova liña A cociña Sinsal, que pretende por o foco na sostibilidade e na economía circular da man de cociñeiras galegas, produtos de proximidade e empresas do país. Ao longo das tres xornadas, sucederanse as demostracións ou showcookings para descubrir a cociña vexetariana, os queixos e o mel do país, ou a reutilización de produtos para os menús diarios; todo coa intención de loitar contra o desperdicio alimentario e reducir, á vez, a pegada de carbono.
As actividades d’A cociña Sinsal desenvolveranse no Espazo Gastronomía, o xardín situado detrás do Escenario Malmequeres. As propostas, dunha hora de duración, contan coa presenza dunha cociñeira recoñecida e o apoio dunha empresa alimentaria do país, como é o caso de Aceites Abril, Arias Moniz, Porto Muíños e Puramel. Todos os eventos serán gratuítos, non requerirán inscripción previa e o público poderá degustar e coñecer recursos que, posteriormente, poderán empregar na súa vida diaria.
O venres 25, Begoña Vázquez, chef do restaurante Regueiro da Cova (Verín) e recoñecida como Cociñeira do Ano en Galicia no Fórum Gastronómico 2024, volve ao Sinsal logo do grande éxito da pasada edición para dar a coñecer fórmulas coas que reutilizar produtos humildes para crear pratos do día a día e da alta cociña. Ao día seguinte, o sábado 26 Xesús Mazaira, queixeiro e propietario de Airas Moniz -referente da nova queixería galega-, convidará ao público a descubrir os segredos dos seus produtos acompañados da mel da Ribeira Sacra Puramel. Finalmente, o domingo 27, a chef de Gondomar Arián Lorenzo, propietaria de Arián Chef, fará unha demostración de cociña vexetariana con produtos de mar que proporcionará a conservera especializada en algas de produción ecolóxica Porto Muíños.