O garage punk de Chemtrails chega a Vigo o mércores 30 de abril

Vigo, 28 de abril de 2025.- Sinsal Primavera, a serie de concertos eclécticos organizados cada ano pola promotora Sinsalaudio da man do Concello de Vigo, chega este mércores á Sala Radar para presentar, por primeira vez en España, a banda inglesa Chemtrails. As entradas están á venda na web de Sinsal e na plataforma Enterticket desde 10 euros (no despacho de billetes do recinto o prezo será superior, 12 euros).
Sinsal Primavera, organizado pola promotora viguesa Sinsalaudio co apoio principal do Concello de Vigo, pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos, como é o caso de Chemtrails, que fará bailar ás e aos asistentes co seu post garage punk e power pop psicodélico.
Melodías pegadizas sinistras, guitarras distorsionadas, sintetizadores primitivos, pop policromático e letras irónicas son a carta de presentación do grupo de Manchester -que comezou como un proxecto de gravación caseiro- liderado pola activista trans Mia Lust. O seu asombroso talento para crear cancións pop raras pero irresistiblemente contaxiosas foi rapidamente descuberto polo selo sueco PNKSLM Recordings, que as fichou xusto despois do seu primeiro concerto no Trans Pride Brighton.
A banda cita como as súas maiores influencias a Pixies, Blondie, Oh Sees, Fat White Family e o psicodelia e garage punk dos sesenta, pero o que sempre mantivo unido ao proxecto é a inesgotable cantidade de composicións pegadizas, interpretadas coa inesgotable emoción e enerxía da banda. O seu terceiro e máis recente traballo, The Joy of Sects, é o máis bailable da súa traxectoria. O grupo cambiou o enfoque caseiro por un son de estudo máis de alta fidelidade, que, grazas á maxia da produtora Margo Broom (Fat White Family, Big Joanie, Goat Girl) segue sendo tan cru e salvaxe como sempre, pero cun novo nivel de intensidade.