Sinsal Primavera, a serie de concertos eclécticos organizados pola promotora Sinsalaudio da man do Concello de Vigo, botará o pano este sábado, 3 de maio, coa presentación en España da banda belga Bombataz, que chegará á Sala Radar logo de visitar Lisboa e Porto. As entradas para a cita, que comezará ás 21.30 horas, están á venda na web de Sinsal e na plataforma Enterticket desde 10 euros (no despacho de billetes do recinto o prezo será superior). 
 

Sinsal Primavera, organizado pola promotora viguesa Sinsalaudio co apoio principal do Concello de Vigo, pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos. O directo que pechará a edición de 2025, o dos belgas Bombataz, encadra na filosofía do evento: catro músicos todoterreos se achegan a todos os xéneros posibles para ofrecer, cun chisco de jazz, funk ou synth-hop, unha proposta que transmite baile. 
 

Desde Bélxica aterra no Sinsal Primavera unha banda peculiar cuxa paixón pola música reborda calquera clasificación de xénero. A devoción polo jazz que compartían como estudiantes do conservatorio era só a punta do iceberg dun proxecto que, anos depois, levaría ao grupo a ser unha rara avis na escena contemporánea. Porque se pode ser diferente, Bombataz farao de forma diferente; pero non para ser intencionadamente difíciles nin para salientar pretenciosamente o seu pasado jazzístico senón, simplemente, porque consideran que é o seu deber musical.


O seu primeiro álbum, Olympics of Love (2020), toma como referencia a bandas e artistas da talla de Fleetwood Mac, Prince, Ambitious Lovers ou Connan Mockasin. Co seu pop alegre, divertido e melancólico á vez, Bombataz pon o foco na pura ledicia de tocar. Tres anos máis tarde publican Baby Dry My Tears (2023, Cloudshaper), co que se introducen, con entusiasmo, no indie rock ecléctico. Canalizan o espírito de bandas consagradas como Animal Collective e de MGMT para crear pezas cativadoras. Un traballo inconformista que fuxe da demagoxia ateigado de cancións pegadizas que se afastan de estruturas estereotipadas. Un camiño que manteñen co seu último sinxelo, My face on your TV, publicado o pasado mes de febreiro.