O ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea vén de sinalar no seu informe ‘Lo mejor de la cultura 2024’ ao Festival Sinsal como a proposta musical máis destacada do país por terceiro ano consecutivo, ademais de manter -tamén desde 2022- o posto como segunda iniciativa cultural mellor valorada polos profesionais do sector en Galicia. Desde a dirección do festival, esta nova é acollida con gratitude e agradecemento ás compañeiras e compañeiros da cultura por ter presente a Sinsal -un evento modesto e limitado a 800 persoas ao día- nas súas valoracións. 


A nivel estatal, na clasificación das iniciativas culturais mellor valoradas polo seu compromiso social e desenvolvemento sostible, Sinsal tamén sube de novo por tercer ano consecutivo e se sitúa no 6º posto, unha mención que referenda o compromiso que o Festival Sinsal mantén cos ODS e o impacto positivo, e que no 2024 reforzou coa posta en marcha da iniciativa #SinsalSenRastro. 

 

Os recoñecementos chegan tamén nos Iberian Festival Awards, os premios da industria dos festivais de España e Portugal, un evento no que o Festival Sinsal SON Estrella Galicia é finalista nas categorías Mellor Programa Cultural, Contribución á igualdade -galardón que se lle outorgou no 2023-, Mellor Aloxamento e recepción e Mellor Promoción Turística. O 15 de marzo daranse a coñecer os gañadores nunha gala.