26 bandas e solistas de 15 países participarán no Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2024
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia, un dos eventos máis singulares e coidados do panorama musical estatal, e cuxo cartel é secreto, celebrarase esta fin de semana. Un total de 26 bandas e solistas de múltiples estilos musicais e procedentes de Brasil, Colombia, Dinamarca, Escocia, España, Estados Unidos, Inglaterra, Irán, Kenia, Nigeria, Palestina, Portugal, Suíza, Uganda e Xapón actuarán, a partir do venres 26, no arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón. Os abonos e as entradas para asistir á cita, promovida por Sinsalaudio, esgotáronse ás 72 horas de saír á venda, ainda que o público só descubre o cartel ao desembarcar nun escenario excepcional: a illa de San Simón, declarada Ben de Interese Cultural.
Catro escenarios fixos (Buxos Fest Galicia, SON Estrella Galicia, Santo Antón rock’n’roll e o novo Malmequeres) situados no arquipélago, ademais dun quinto temporal (no que terán lugar os microconcertos de música clásica), acollerán as actuacións de máis dunha vintena de formacións que amosarán, a un público reducido -800 personas por día-, unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante que se está a desenvolver no panorama musical de todo o mundo. Sons oníricos, ondas tropicalistas, rock alternativo, ritmos urbanos, power pop, rock minimalista, punk, R&B, afrobeat, psicodelia e numerosas músicas de raíz, entre outros estilos, soarán a partir do venres 26 na enseada de San Simón, nun evento no que a illa é cabeza de cartel.
ACTIVIDADES PARALELAS
A partir do venres 26, a actividade cultural do Sinsal SON Estrella Galicia 2024 desenvolverase integramente en San Simón. Alén das actuacións, que cada día serán diferentes, o festival ofrecerá ás e aos asistentes unha ampla e completa programación paralela divulgativa, dirixida a públicos de todas as idades, e que, dividida en tres liñas, porá en valor a recuperación do rexistro sonoro (A Escola Sinsal), a memoria e o patrimonio natural e histórico do arquipélago (Descubre San Simón) e a necesidade de transformar o modelo de consumo e xestión de residuos actual (#sinsalsenrastro).
Deste xeito, A Escola Sinsal, o proxecto do festival centrado na divulgación e recuperación da memoria sonora do século XX, propón unha exposición didáctica que percorre a traxectoria de música gravada en Galicia e na que participan 8 artistas do mundo do cómic (Emma Roulette, Begoña García-Alén González, Marta Cartu, Santi Zubizarreta, Pepa Prieto Puy, Andrés Magán, Rapapawn (Cynthia Alfonso e Óscar Raña) e Mar Mascaró); as sesións Malmequeres: rastrexando arquivos, que con casetes e cintas magnetofónicas recuperan arquivos sonoros domésticos e poñen en valor coleccións cun importante valor simbólico; e unha nova edición das Sesións San Simón, nas que, coa colaboración do experto Aleks Kolkowski, as bandas e solistas realizan gravacións breves nun cilindro de cera. O público pode asistir, ao vivo, ás mesmas.
A segunda das liñas de actividades paralelas é Descubre San Simón, con propostas dirixidas a visibilizar a memoria e o patrimonio natural, cultural e histórico do arquipélago que conforman as illas de San Simón e Santo Antón. Boa parte deste eixo xirará arredor das figuras do compositor redondelán Reveriano Soutullo e do seu cuñado, o escritor e xornalista Diego San José de la Torre. Se ben o primeiro foi recoñecido polas súas achegas musicais -como a zarzuela La leyenda del beso, que celebra o centenario da súa estrea-, o segundo estivo preso no arquipélago. Eles serán os protagonistas da nova parada do Roteiro Descubre San Simón, un itinerario independente ideado polo festival para que as e os asistentes coñezan a memoria da illa, ao seu ritmo, mediante distintos paneis que se atopan espallados pola mesma. Ademais, a Orquesta Clásica de Vigo, que neste 2024 celebra o seu 40º aniversario, ofrecerá dous microconcertos de música clásica con arranxos da zarzuela de Soutullo e Vert especialmente adaptados para a ocasión, e que interpretarán un quinteto de metais (sábado 27) e un cuarteto de corda (domingo 28). Por último, Descubre San Simón ofrecerá a posibilidade de gozar doutras dúas andainas guiadas durante a fin de semana: unha nomeada Illario pantasma (sábado 27), da man do investigador Xosé Lois G. Faílde, e outra acompañada por Amarturmar, a asociación de turismo mariñeiro (domingo 28).
Finalmente, a liña vinculada á iniciativa de concienciación #sinsalsenrastro, ademais da promoción dun modelo de consumo e de xestión de residuos consciente (cuxa actividade informativa estará centralizada no Punto R), proporá dúas actividades baseadas na reutilización. Por unha banda, o venres 26 ás 18.00h, e coa colaboración de Aceites Abril, a chef Begoña Vázquez impartirá un showcooking no que mostrará como dar novos usos a alimentos e produtos, aproveitando todas as súas partes, á fin de minimizar o impacto ambiental. Pola outra, a Capela de San Simón acollerá nas tardes do sábado 27 e domingo 28 o obradoiro para público familiar Binomios fantásticos, unha proposta na que as e os participantes explorarán as diferentes posibilidades creativas, lúdicas e estéticas que ofrecen os materiais que reutilizarán durante a sesión, entre os que se inclúen obxectivos domésticos, retallos téxtiles ou mostrarios de madeira.
Todas estas propostas que forman parte da programación alternativa aos concertos e os horarios pódense consultar na páxina de Actividades paralelas.