As actividades paralelas da Escola Sinsal afondarán na historia do rexistro sonoro en Galicia
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia comeza a desvelar a programación de actividades que terán lugar, de xeito paralelo aos concertos, durante o desenvolvemento do evento, que se celebrará na illa de San Simón do 26 ao 28 de xullo. A primeira das iniciativas que se dá a coñecer é a que corresponde á Escola Sinsal, a proposta que promove a difusión e coñecemento da historia do arquivo sonoro. Unha exposición didáctica que percorre a traxectoria de música gravada en Galicia, sesións musicais que recuperan arquivos sonoros domésticos e unha nova edición das Sesións San Simón, nas que as bandas e solistas realizan gravacións breves dos seus temas nun cilindro de cera, formarán parte desta liña de programación.
Se ben un dos elementos máis destacados do Sinsal SON Estrella Galicia é o seu cartel secreto, o festival propón descubrir con antelación as actividades paralelas, abertas a todos os públicos, que acontecerán á vez que os directos, de xeito que as e os asistentes ao evento poidan tamén ser parte dunha proposta que, alén de ofrecer unha ollada sobre a escena contemporánea, pon en valor o patrimonio cultural, natural e histórico tanto da illa de San Simón coma do universo musical. Neste sentido, a Escola Sinsal é un dos piares da programación paralela. Trátase dun proxecto de divulgación de Sinsalaudio que, desde hai 20 anos, e a través de diferentes iniciativas e visións, pretende difundir e poñer en valor o rexistro sonoro. Testemuñas e obxectos permiten coñecer, alén do valor material, a súa historia social.
Unha das principais actividades enmarcadas na Escola Sinsal é a exposición didáctica e experimental que o público poderá visitar xunto á cafetería de San Simón. Tras difundir o suco do vinilo e a súa evolución ao longo dos anos na edición de 2022, e poñer o foco no casete como o principal soporte sonoro do século XX o pasado 2024, este ano o Festival Sinsal SON Estrella Galicia convidará ao público a descubrir e, por que non, imaxinar, a historia da música gravada en Galicia a través de oito personalidades do país que tiveron relación coa mesma, desde o século XVII até o século XX. Será un percorrido singular que comezará en Ourense, da man de Domingo Martínez de Presa, e terá unha parada especial en Pontevedra no século XIX con Severino Pérez Vázquez, quen anticipou un precursor do sintetizador de voz, case un “autotune” primitivo.
Estas historias, así como outras vinculadas a Andrés Avelino Comerma i Batalla, Emilia Pardo Bazán, Enrique Labarta Pose, Maruja Boga, Pedro Ferrer ou Portela Seijo incorpóranse á Escola Sinsal da man, talento e imaxinación de oito artistas do mundo do cómic. Emma Roulette, Begoña García-Alén González, Marta Cartu, Santi Zubizarreta, Pepa Prieto Puy, Andrés Magán, Rapapawn (Cynthia Alfonso e Óscar Raña) e Mar Mascaró serán quen de contar, a través da imaxe, as aventuras que as oito personalidades mantiveron co son ou coa música ao longo dos séculos.
Malmequeres: rastrexando arquivos
Alen da exposición, a Escola Sinsal tamén terá especial protagonismo noutra das novidades desta edición, como é a apertura do escenario Malmequeres. O nome alude ao idioma portugués, “malmequer” e “bem-me-quer”, que identifica á familia das margaridas, e que como parte do imaxinario relativo aos sentimentos é, sen dúbida, unha das flores máis esfolladas da historia.
Neste quinto escenario do evento, e no marco das actividades paralelas, terán lugar as nomeadas Malmequeres: rastrexando arquivos, sesións con casetes e cintas magnetofónicas que permitirán recuperar e poñer en valor arquivos e documentos rexistrados neste formato durante a segunda metade do século XX. No festival escoitaranse e gravaranse tres sesións -cada día será diferente- que explorarán outras tantas coleccións que, aínda que a súa orixe sexa diferente, posúen un mesmo valor simbólico.
Sesións San Simón
Finalmente, a Escola Sinsal tamén contará con novas Sesións San Simón, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas polo experto Aleks Kolkowski. Nelas participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival, e consisten no rexistro dunha canción, de dous minutos, nun cilindro de cera. As sesións, realizadas en distintos espazos do arquipélago, son abertas para o público asistente. Algunhas das gravacións realizadas na pasada edición do evento pódense escoitar e visualizar a través da páxina web www.sinsalaudio.es.