Sinsal SON Estrella Galicia promove a visualización de artistas galegos emerxentes con concertos no escenario FEST Galicia
A edición Esencial do Sinsal SON Estrella Galicia contará co apoio de FEST Galicia. Esta mañá o co-director do festival, Luis Campos, participou na presentación da nova tempada da iniciativa cultural, que inclúe o patrocinio de 13 festivais galegos de música que destacan tanto pola calidade das súas propostas como pola profesionalidade na súa organización.
Sinsal SON Estrella Galicia é un dos eventos que FEST Galicia apoiará este ano, entre outras motivacións, por achegar valores engadidos á experiencia musical relacionados co turismo, o medio ambiente, a cultura, o patrimonio e a concienciación social. Neste 2021, e logo dunha edición no litoral, Sinsal SON Estrella Galicia consegue manter a esencia do evento e os obxectivos marcados en anteriores edicións, os mesmos que permitiron acadar éxitos, recoñecemento nacional e internacional e galardóns.
Entre eles atópase servir de plataforma para a creación musical contemporánea de Galicia, incluíndo no seu cartel as propostas de maior calidade e innovación desenvoltas no país. Por iso este ano o escenario FEST Galicia, situado no habitual espazo Buxos de San Simón, acollerá cada xornada do Sinsal Esencial as propostas musicais de artistas galegos emerxentes. A cita terá lugar ao inicio de cada xornada, de forma que o público asistente que viaxe desde Vigo poderá gozar desta primeira actuación en exclusiva.
Escenario móbil FEST Galicia
Ademais, como novidade, Sinsal Esencial inclúe un paseo en catamarán, que se transformará tamén nun escenario móbil FEST Galicia durante a mañá do sábado 24. O percorrido, que terá lugar a partir das 12.00 horas, contará na súa programación coa estrea ao vivo do novo disco dun artista galego secreto.