Novas actividades paralelas no Festival Sinsal SON Estrella Galicia! A cita musical ofrecerá un paseo en catamarán dunha hora e media pola enseada de San Simón o sábado 24 de xullo, en horario de mañá.

Sinsal Esencial, tal e como se denomina esta edición do festival, quere facer fincapé nos valores máis esenciais e salientables do evento: a sostibilidade, a natureza, a experiencia e a música ao vivo de creadoras e creadores galegos. Neste percorrido en catamarán, que partirá do embarcadoiro de San Adrián de Cobres ás 12.00 horas, o público asistente -un máximo de 60 persoas- poderá coñecer, durante unha hora media, este enclave da man e experiencia dunha guía especializada.

 

A memoria da illa e a historia do seu patrimonio, xunto á natureza e espectacular contorna de San Simón, serán os fíos condutores dunha proposta que, como non podería ser doutro xeito, tamén inclúe un secreto musical

A cita no catamarán engade a estrea en directo, durante o paseo, do novo disco dun artista galego, que o público descubrirá no momento de subir ao barco. O artista ofrecerá un concerto en acústico de 40 minutos para dar a coñecer, en primicia, este traballo discográfico. Deste xeito, Sinsalaudio mantén a súa aposta pola promoción do talento do país á vez que relaciona a cultura galega coa súa contorna natural

As entradas para o paseo en catamarán pola enseada de San Simón sairán á venda o luns 19 ás 12.00 horas a través da plataforma Enterticket