O Festival Sinsal SON Estrella Galicia celebrará a súa 23ª edición desde este venres 25 e até o domingo 27 de xullo na illa de San Simón (Redondela). O festival do cartel secreto volverá ofrecer, ao longo de tres xornadas, no corazón das Rías Baixas, unha pequena mostra da creación musical contemporánea máis estimulante que se está producir na escena mundial. A diversidade estilística, o protagonismo de proxectos liderados por mulleres, a programación de grupos que actúan por primeira vez en Galicia e un fondo compromiso social e ambiental, alén dun line up que o público só descubre ao desembarcar, volverán ser os sinais de identidade dun festival único no panorama estatal.

Máis de 30 formacións chegadas de Angola, Arxentina, Austria, Bulgaria, Cabo Verde, Corea do Sul, Francia, España, Indonesia, Xapón, Marrocos, Portugal, Reino Unido, Somalilandia, Suecia, Tunes e Uganda compartirán moito máis que unha grella de programación. Esta fin de semana serán parte dun festival cuxa cabeza de cartel é a súa excepcional localización: a illa de San Simón, declarada Ben de Interese Cultural (BIC). 

A programación do Sinsal 2025 contará con 17 debuts de bandas e solistas en Galicia, das cales unha ducia ofrecerá, ademais, a súa estrea a nivel estatal na ría de Vigo. Durante tres días, o público poderá mergullarse e gozar de ata 36 directos e sesións, con postas en escena moi diferentes entre si, ao transitar polos distintos escenarios da illa: aos catro oficiais e recoñecibles para as asistentes habituais do evento -San Simón SON Estrella Galicia, Buxos FEST Galicia, Santo Antón Rock’n’Roll e Malmequeres-, uniranse nesta ocasión outros dous alternativos liderados por formacións locais. 

Estilos como soul, afrohouse, koduro, electrónica, pop, experimental, kraut rock ou after punk, entre outros moitos, citaranse desde o mediodía e até o solpor no arquipélago conformado por San Simón e Santo Antón. Ademais, tal e como é habitual no festival, non faltarán na programación as propostas máis suxestivas e singulares que revisan e reinterpretan a tradición dos seus lugares de orixe. 
 

Un festival cultural paralelo aos directos

De xeito paralelo aos concertos, e aproveitando a celebración do evento en horario diurno, Sinsal ofrecerá unha ampla programación de actividades culturais, unha sorte de festival cultural que se desenvolverá desde o momento no que as e os asistentes desembarquen. As iniciativas están dirixidas a todo tipo de públicos e enmárcanse nas seccións A Escola Sinsal, Descubre San Simón e A cociña Sinsal.  

A Escola Sinsal

A actividade que inaugurará a programación musical de cada xornada será Audicións Malmequeres, unha serie de sesións nas que se que recuperarán arquivos e coleccións sonoras dos anos 80 e 90 da man das convidadas Chus Taboada e Eva Izquierdo (Voces de Ultratumba), Marco Maril (Apenino) e o dúo radiofónico conformado por Isabel Díaz e Pedro Blázquez (RNE, Cadena SER). Estas audicións públicas forman parte d’A Escola Sinsal, o proxecto educativo e de investigación do festival Sinsal que promove a divulgación do rexistro sonoro desde a antigüidade até os nosos días. 
Desta liña tamén agroman propostas como a Exposición de cómic A Escola Sinsal: A historia da música gravada en Galicia, que este ano se exhibirá a ceo aberto. Da man de 16 debuxantes, o público poderá coñecer outras tantas figuras chave da memoria sonora galega. Así, se no 2024 Sinsal presentaba a Domingo Martínez de Presa (debuxado por Emma Roulette), Severino Pérez y Vázquez (Begoña García-Alén), Andrés Avelino Comerma (Santi Zubizarreta), Emilia Pardo Bazán (Mar Mascaró), Enrique Labarta Pose (Marta Cartu), Maruja Boga (RAPAPAWN), Pedro Ferrer (Andrés Magán) e os irmáns Portela Seijo (Pepa Prieto Puy); este ano súmanse Amando Hermida (Carlos G. Boy), Ana Kiro (Luis Yang), Eloy Luis André (David González López), Ernesto Lecuona (Paula Guerrero), Fina Galicia (María Ramos), Manuel Mirás (Nico Ben), Mercedes Mariño (Julia Lago) e Reveriano Soutullo (Paw Salcés). 
Ademais, no marco  d’A Escola Sinsal, a cafetaría da illa acollerá dúas propostas que suporán unha viaxe á memoria sonora de hai cen anos. Por unha banda, as hipnóticas Sesións San Simón con Aleksander Kolkowski. Todas as xornadas o público poderá asistir ás gravacións en cilindros fonográficos -rexistro dunha canción, duns dous minutos, nun cilindro de cera- nas que participarán as bandas e solistas do Sinsal. O resultado das mesmas poderase  escoitar e ver na web do festival
Pola outra, será o escenario dos microconcertos acústicos da Orquesta Clásica de Vigo. Se ben o venres 25, e a través dun sexteto de café, a formación evocará un insólito filme galego de vangarda (Canto de emigración, do ourensán Tony Román) do que se conservan vestixios e a partitura de Teódulo R. Páramo; os días 26 e 27  as protagonistas serán as músicas de cafés, bailes e verbenas que tiveron en lugar en Galicia na primeira metade do século XX. Neste caso, a intención é d’a Escola Sinsal é poñer en valor o papel dos instrumentistas anónimos que levaban os sons e os ritmos a todos os recunchos do país  antes da popularización da música gravada.


Descubre San Simón

A segunda das liñas de actividades paralelas é Descubre San Simón, serie de iniciativas deseñadas para dar a coñecer o patrimonio natural, cultural e histórico da illa. Comeza co itinerario que dá nome á sección, un roteiro independente ideado por Sinsalaudio para divulgar a memoria do arquipélago entre as e os asistentes ao festival. A través de distintos paneis que se atopan espallados no territorio (e que cada un deles contén un código QR con información en galego, español e inglés), danse a coñecer sete historias ou episodios: A roca de San Simón, Proxecto Trobadores, A avenida de Teruel, A paisaxe de Alejo Yáñez Andrade, O aeroporto marítimo de San Simón, A conexión de San Simón e o Pórtico da Gloria e A relación de Reveriano Soutullo e Diego San José de la Torre coa illa de San Simón
Durante o festival organizaranse, ademais, dúas visitas guiadas. O sábado 26 terá lugar o paseo polo arquipélago co investigador Xosé Lois G. Faílde, quen presentará Illario pantasma, un roteiro para coñecer o corpo fitolóxico da paisaxe, a pegada difusa do imaxinario da escrita da illa e a xenealoxía política soterrada no lugar. De cara ao domingo 27, Sinsal contará coa colaboración da asociación de turismo mariñeiro Amarturmar. As e os integrantes da entidade presentarán, a través dunha andaina e ampla conversa, os recursos naturais e industriais da contorna da illa. 
A última das actividades desta área vinculada á descuberta de San Simón é Caderno de Bitácora, un obradoiro impartido por Arte & Garabato que pretende favorecer a exploración de linguaxes artísticas a través de espazos inclusivos e interxeracionais -ao ser unha actividade aberta a todas as idades, a partir dos 7 anos-. Neste taller crearase un libro obxecto a partir do percorrido que o público fai para chegar á illa e as súas vivencias durante a estancia, o que lle permitirá descubrir e rexistrar diferentes experiencias estéticas a partir do valor paisaxístico, patrimonial e histórico de San Simón.

 

A cociña Sinsal

Finalmente, neste 2025 incorpórase a liña A cociña Sinsal, que pretende por o foco na sostibilidade e na economía circular da man de cociñeiras galegas, produtos de proximidade e empresas do país, coa intención de  loitar contra o desperdicio alimentario e reducir, á vez, a pegada de carbono.  O venres 25, Begoña Vázquez dará a coñecer, coa colaboración de Aceites Abril, fórmulas coas que reutilizar produtos humildes para crear pratos do día a día e da alta cociña. O sábado 26, Xesús Mazaira -propietario de Airas Moniz- convidará ao público a descubrir os segredos dos seus produtos acompañados da mel da Ribeira Sacra Puramel. Finalmente, o domingo 27, Arián Lorenzo -Arián Chef- fará unha demostración de cociña vexetariana con produtos de mar proporcionados por Porto Muíños. 
As actividades d’a cociña Sinsal completaranse cunha iniciativa especialmente a todas as familias que visitan San Simón durante o festival. O artista multidisciplinar galego Juanma LoDo impartirá Do, re, Bip, un obradoiro no que o público poderá descubrir conceptos vinculados á produción musical dixital e crear a súa propia música ao entrar en contacto con froitas e verduriñas. Este taller, pensado especialmente para as máis pequenas, decorrerá nas tardes do venres 25 e domingo 27.  

 

Sinsal, un festival “sen rastro”

Toda a actividade de Sinsal está atravesada por un firme compromiso coa sostibilidade, que no 2024 se transformou en #sinsalsenrastro, o novo modelo de xestión de residuos do evento baseado na teoría das tres R (reducir, reutilizar, reciclar). Para avanzar nesta intención, Sinsal non producirá este ano vasos reutilizables coa identidade e programación diaria do festival, obxecto facilmente identificable -e incluso de colección- para o público sinsaleiro. 
Esta medida únese as implantadas con anterioridade, como a eliminación das papeleiras da illa  ou a creación do Punto R para informar sobre a correcta xestión dos residuos. Ademais, desde o ano pasado Sinsal tamén convida ao público a facer uso do seu propio ‘KIT FESTIVALEIRO’, para que cada asistente leve á illa a súa vaixela reutilizable -que pode incluir o seu propio vaso no que poder beber auga potable das billas, un pano de mesa de tea, prato de picnic, garfo e culler de varios usos-. Entre todas as persoas que acrediten no Punto R o seu kit, sortearanse premios cada día.