Información

O Sinsal 2024 celebrarase en San Simón os días 26, 27 e 28 de xullo. As entradas e abonos sairán á venda na primavera :) 
  • Música ao vivo

    Sinsal SON Estrella Galicia é un festival sen complexos. Por esa razón propón ao público un cartel secreto, unha vivencia musical alén de nomes concretos.

    Músicas de vangarda, de raíz, sonoridades modernas e propostas contemporáneas conforman a coidada e exquisita paisaxe sonora que ofrece Sinsal: un cartel diverso en estilos, con protagonismo de proxectos liderados por mulleres, bandas emerxentes e grupos que tocan por vez primeira en Galicia.
     
    O groso da programación componse de artistas que viran por outros festivais prestixiosos en España e Portugal.
  • Unha illa

    No corazón da Ría de Vigo atópase a illa de San Simón, un enclave fermoso e singular: foi fonte de inspiración na lírica medieval, lazareto no s. XIX e campo de concentración na guerra civil.

    A illa de San Simón é o escenario e cabeza dun cartel secreto até o desembarco. A saída desde o litoral (desde o porto de Vigo do embarcadoiro de Meirande, en Redondela) cara á illa é o punto de partida dunha viaxe ateigada de contemporaneidade, auga e vida.

    Se queres saber máis do arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón, descarga estas lecturas.

  • Un cartel secreto

    Unha proposta secreta, comisariada por Sinsalaudio, que atende ás creacións máis estimulantes do momento e sorprende ao público con suxestivos directos: o cartel descúbrese ao desembarcar na illa de San Simón!

    Desde a primeira edición en 2003, o principal compromiso de Sinsal foi programar artistas que inician a súa carreira musical ou demostrasen unha gran conexión coa creación contemporánea. Algúns destes nomes, poucos anos despois, aterraron nos grandes festivais e salas de concertos de todo o mundo. 
  • Actividades paralelas

    Ademais do programa de concertos, Sinsal propón outras actividades ao público aproveitando a experiencia diurna nun espazo único:  A Escola Sinsal (con exposicións e obradoiros), talleres para todos os públicos, microconcertos acústicos, pedal surf, paseos por San Simón e Santo Antón... 

    As actividades danse a coñecer nas semanas previas á celebración do festival.