A Escola Sinsal

A Escola Sinsal é proxecto de divulgación que, a través de diferentes iniciativas e visións, pretende difundir e poñer en valor o rexistro sonoro. 

A Escola Sinsal é o proxecto educativo do festival Sinsal centrando na recuperación da memoria sonora do século XX. Naceu no ano 2006 e, até a actualidade, pasou por diferentes etapas: a divulgación de formatos desaparecidos, a presentación de obxectos que forman parte da historia do rexistro sonoro, obradoiros de música con reprodutores analóxicos...etc. En cada edición do festival ofrecemos a posibilidade de realizar actividades relacionadas con esta proposta exclusiva de Sinsal. Este ano contamos con tres iniciativas diferentes, enmarcadas na programación paralela do festival. 

EXPOSICIÓN A ESCOLA SINSAL

Este ano o festival convidará ao público a descubrir e, por que non, a imaxinar, a historia da música gravada en Galicia a través de oito personalidades do país que tiveron relación coa mesma, desde o século XVII até o século XX. 

Será un percorrido singular que comezará en Ourense, da man de Domingo Martínez de Presa, e terá unha parada especial en Pontevedra no século XIX con Severino Pérez Vázquez, quen anticipou un precursor do sintetizador de voz, case un “autotune” primitivo. 
 

Estas historias, así como outras vinculadas a Andrés Avelino Comerma i Batalla, Emilia Pardo Bazán, Enrique Labarta Pose, Maruja Boga, Pedro Ferrer ou Portela Seijo incorpóranse á Escola Sinsal da man, talento e imaxinación de oito artistas do mundo do cómic. Emma Roulette, Begoña García-Alén González, Marta Cartu, Santi Zubizarreta, Pepa Prieto Puy, Andrés Magán, Rapapawn (Cynthia Alfonso e Óscar Raña) e Mar Mascaró serán quen de contar, a través da imaxe, as aventuras que as oito personalidades mantiveron co son ou coa música ao longo dos séculos. 

 

SESIÓNS SAN SIMÓN

As Sesións San Simón son un paseo pola memoria sonora de fai cen anos. Poucos sitios como a illa de San Simón inspiran tanto esta viaxe no tempo a través da percepción acústica. 

Somos unha prolongación da tecnoloxía porque pensamos, sentimos e evolucionamos con ela. A gravación pre-electrónica sobre cilindro pode parecernos arcaica, cos seus sucos en espiral de fendedura sonoras gravadas acusticamente sobre unha substancia de cera, sen nengún tipo de amplificación electrónica, mais pode ofrecernos hoxe en día unha nova experiencia de escoita: o proceso de gravación acústica capta a esencia, a personalidade e o detalle suficiente para poder apreciar os sons reproducidos e a música.


Aleksander Kolkowski é un compositor, violinista e investigador que utiliza a gravación de son histórico e aparatos de reprodución e medios obsoletos para facer música mecanoacústica contemporánea. Na illa de San Simón, da súa man, gravamos as Sesións San Simón, gravacións en cilindros fonográficos nas que participan as bandas e solistas que nos visitan. Consisten no rexistro dunha canción, duns dous minutos, nun ciclindro de cera. As Sesións San Simón son abertas ao público e teñen lugar en distintos puntos de San Simón e Santo Antón. Podes consultar o histórico aquí:  www.sinsalaudio.es.

SESIÓNS MALMEQUERES

O nome alude ao idioma portugués, “malmequer” e “bem-me-quer”, que identifica á familia das margaridas, e que como parte do imaxinario relativo aos sentimentos é, sen dúbida, unha das flores máis esfolladas da historia. 

Malmequeres: rastrexando arquivos son sesións con casetes e cintas magnetofónicas que permitirán recuperar e poñer en valor arquivos e documentos rexistrados neste formato durante a segunda metade do século XX.  Cada xornada escoitarase e gravarase unha sesión diferente, que explorará, en particular, unha colección cun importante valor simbólico.