A illa de San Simón acolle este sábado, 22 de xullo, a segunda xornada de celebración do Sinsal SON Estrella Galicia 2023. O jazz dos estadounidenses Horse Lords e o reguetón da galega Clara! abriron a xornada no escenario Buxos FEST Galicia, no que ao longo da tarde terán lugar as estreas en España dos virtuosos estonianos Puuluup e do potente directo dos nixerianos Ruth Mahogani & The Arb Music Band.
 

A banda coreana Leenalchi, que suma millóns de visitas en Youtube co pansori a ritmos occidentais, actuará por vez primeira en España no escenario San Simón SON Estrella Galicia ás 18:55 horas, no que tamén estará Brama, un dos novos valores da escena independiente francesa (16:25 horas); e no que a angoleña Pongo levará un directo que promete ser un dos grandes momentos do festival (21:25 horas). Ao outro lado da ponte, na illa de Santo Antón, a xaponesa Hatis Noit presentou por vez primeira o seu directo en España na illa de Santo Antón, no que esta tarde terán lugar os microconcertos de repertorio renacentista do quinteto de metais da Orquesta Clásica de Vigo.


En paralelo á programación musical, Sinsal SON Estrella Galicia ofrece esta tarde a posibilidade de participar ata en sete actividades diferentes. Por unha banda, todas as que se engloban no marco d’A Escola Sinsal, como son a exposición , as Audicións San Simón e o obradoiro da Caixa-libro A Escola Sinsal, ademais das Sesións San Simón, na que o público pode asistir en distintos momentos da xornada ás gravacións que as e os artistas participantes no festival realizan cun fonógrafo do século XIX. No marco da programación paralela Descubre San Simón, esta tarde continúan as actividades de pedal surf, ademais dos paseos guiados Islario Marabilloso, con dúas sesións (16:00 e 18:00 horas). Finalmente, na capela de San Simón sucederanse as distintas sesións do obradoiro familiar Illas imaxinadas: laboratorio de paisaxes visuais e sonoras.
 

Axenda de Sinsal do domingo 23


O público sinsaleiro partirá da Estación Marítima de Vigo e do embarcadoiro do Centro de interpretación de Rande (Meirande) para chegar á illa de San Simón, na que se celebrarán un total de dez concertos secretos nos catro escenarios do Sinsal SON Estrella Galicia. Artistas de Corea do Sur, Nixeira, Uganda, Colombia, Burkina Faso, Bélxica, Marrocos, Reino Unido, Arxentina e Galicia actuarán mañá na terceira e derradeira xornada desta edición do festival, cuxo primeiro directo será ás 13:45 horas, e no que se sucederán as estreas de bandas e solistas tanto en España como en Galicia.
 

No escenario de Buxos FEST soará, ao longo da tarde, música tradicional, electrónica, pop, hip-hop, post-punk ou techno; mentres que no San Simón SON Estrella Galicia o público asistente poderá escoitar afro-funk, cumbia e tropicalismo, fuzz árabe e rock. O escenario Santo Antón volverá acoller unha estrea en España dun grupo de Corea do Sur que ofrecerá toda unha viaxe musical aos séculos  IV e VII; e, finalmente, no Santo Antón Acústico, un ensemble galego achegará un repertorio, en pases de 15 minutos, para celebrar o 300 aniversario d’As catro estacións de Antonio Vivaldi. En paralelo, ao longo da tarde, sucederanse as actividades vinculadas á programación divulgativa d’A Escola Sinsal e Descubre San Simón.