Unha illa, un cartel secreto e tres xornadas de música en directo: comeza Sinsal SON Estrella Galicia 2023
A illa de San Simón acollerá a partir de mañá, venres 21, e até o domingo 23 de xullo, a nova edición do Sinsal SON Estrella Galicia. Trátase dun dos encontros máis singulares do panorama musical estatal, tanto pola súa coidada programación artística como polos recoñecementos outorgados polo propio sector; mais sen dúbida é coñecido polo seu cartel que, curiosamente, é secreto ata que o público desembarca na illa.
O festival ofrecerá, ao longo de tres xornadas, unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento, cunha programación que abrangue unha ampla diversidade estilística: nas illas de San Simón e Santo Antón escoitaranse desde os sons máis populares e tradicionais ata a música experimental, pasando pola clásica, a electrónica, a psicodelia ou mesmo as músicas urbanas. Sinsal SON Estrella Galicia afonda así no seu compromiso pola igualdade, tal e como recoñeceron este ano os Iberian Festival Awards, sendo o evento estatal máis destacado pola súa Contribución á Igualdade: a presenza feminina é moi relevante tanto nas súas propostas musicais (como líderes ou por estar conformadas 100% por mulleres) coma no seu staff; así como pola programación de artistas queer ou a súa atención á diversidade lingüística.
Durante esta fin de semana, polos catro escenarios que estarán espallados por San Simón e Santo Antón pasarán 26 bandas e solistas procedentes de 18 países diferentes, das cales 16 actuarán por vez primeira en Galicia e para 9 será a súa estrea en España. Mentres que a illa de San Simón acollerá a meirande parte dos directos, en Santo Antón terán lugar as propostas máis íntimas e reducidas: por unha banda, haberá un escenario con cadeiras e de capacidade limitada no que actuarán tres mulleres -unha cada día- procedentes de Reino Unido, Xapón e Corea do Sur, respectivamente; e con outro espazo no que tanto na tarde do sábado 22 coma na do domingo 23 sucederanse, en pases de 15 minutos, repertorios de compositores clásicos.
En paralelo á programación musical, no Sinsal SON Estrella Galicia sucederanse as actividades divulgativas vinculadas tanto á creación artística como ao coñecemento do patrimonio natural, cultural e histórico de San Simón. Unha exposición sobre a casete, talleres con materiais reutilizados, paseos guiados en grupo, gravacións en directo cun fonógrafo do s. XIX, rutas náuticas 100% sostibles para percorrer o perímetro do arquipélago ou unha viaxe tanto ao pasado coma ao futuro da música son algunhas das propostas que tanto asistentes coma artistas poderán gozar durante esta fin de semana.
AXENDA DO VENRES 21
As e os primeiros asistentes chegarán ao embarcadoiro da illa de San Simón mañá, venres 21, arredor das 15:30 horas da tarde, desde Vigo. A esa hora, descubrirase o cartel da primeira xornada de concertos, que comezará ás 16:50 horas e que contará con artistas de Estonia, Galicia, Portugal, Reino Unido, Holanda, Corea do Sur e Bélxica; das cales catro actuarán por vez primeira en Galicia e, para unha delas, será a estrea absoluta en España. A música soará na illa ata minutos antes da saída do último barco cara ao porto vigués (23:30 horas).
Previamente, o público poderá gozar tanto da contorna natural e histórica da illa, a través de percorridos sinalizados con QR, como do inicio das actividades paralelas. Entre elas, na capela, darase a posibilidade de revivir algunhas das actuacións do Sinsal da última década grazas á realidade virtual. Así, entre as 16:00 e as 21:30 horas, acollerá a preestrea do documental Road to Meta-Stage: The Documentary, proxecto impulsado por Toño Cabanelas (Liveforevr!) da man do festival Sinsal SON Estrella Galicia, e que narra a historia dun dos primeiros escenarios virtuais do mundo. A proxección realizarase no formato Theater VR, que permitirá que distintas persoas poidan experimentar, á vez, contidos inmersivos grazas á sincronización de varias lentes de realidade virtual.
Perto da capela, nun espazo central da illa, situarase o epicentro da actividade do proxecto divulgativo d’A Escola Sinsal, que incluirá a exposición sobre a historia da casete Do cinema familiar ás casetes domésticas e un obradoiro impartido pola artista Sarah Rashines no que o público aprenderá a xerar loops cunha cinta de casete e creará a súa propia caixa-libro da Escola Sinsal. Nese mesmo recinto tamén se realizarán as Audicións San Simón, nas que o público poderá rememorar a instalación no espazo público da primeira máquina de discos para a escoita colectiva -gramola ou jukebox-. Entre os rexistros que se poderán ouvir, están as respostas recibidas na convocatoria Que é a música para ti?, publicada por Sinsal no mes de maio.
En paralelo, xunto ao escenario Santo Antón Clásico, comezarán as Sesións San Simón, nas que artistas do festival rexistrarán unha canción de dous minutos nun cilindro de cera. O público poderá asistir ás distintas sesións, realizadas a ceo aberto coa colaboración do experto en gravacións de cilindro fonográfico Aleks Kolkowski, ás 15:45, 16:30, 19:00 e 19:45 horas.
Finalmente, Sinsal ofrecerá a posibilidade de facer unha actividade de deporte náutico 100% sostible e segura como é o pedal surf, coa que se percorrerá o perímetro da illa desde a auga en seis rutas duns 30 minutos. Para participar nesta actividade é necesario adquirir, previamente, os tickets a través do espazo web do festival.
Visita institucional
Esta mañá os codirectores de Sinsal SON Estrella Galicia, Luis Campos e Julio Gómez, recibiron en San Simón ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Jacobo Sutil, e á deputada provincial e concelleira de Redondela, Sandra Bastos. Xuntos percorreron a illa para coñecer, de primeira man, a montaxe do festival e a preparación dos últimos detalles.