O proxecto divulgativo A Escola Sinsal presenta as novas actividades paralelas gratuítas que se desenvolverán no marco do evento. Neste 2023, porá o foco na casete como o principal soporte sonoro do século XX a través de dúas iniciativas nas que terá o papel protagonista: unha exposición, nomeada Do cinema familiar ás casetes domésticas, e un obradoiro impartido por Sarah Rasines, artista responsable da primeira investigación centrada na historia da casete en España, e na que o público, tamén o máis novo, poderá levar, como recordo do festival, a súa Caixa-libro da Escola Sinsal.

A Escola Sinsal é o proxecto de Sinsal dedicado á divulgación do rexistro sonoro e da tecnoloxía do século XX, e que parte da colección propia de obxectos de Sinsalaudio. Se ben durante a edición de 2022 o festival centrou a súa actividade no suco do vinilo e a súa evolución ao longo dos anos; nesta ocasión reivindicarase o papel da cinta magnética. 

A casete, inventada por Lou Ottens no ano 1963, é o soporte sonoro máis difundido e importante da historia do século XX. Aínda que en España a cultura da casete estivo moi presente fundamentalmente na época dos 80, actualmente o seu formato físico atópase en auxe pola súa sostibilidade, baixo custo e pola capacidade de control que se pode manter sobre a edición, produción e distribución. A exposición Do cinema familiar ás casetes domésticas, apta para todos os públicos e que se poderá visitar todos os días durante a celebración do festival na cafetería de San Simón, inclúe numerosos obxectos, como reprodutores de xoguete, casetes en formatos singulares, gravadoras, partituras, diapositivas e un achegamento a proxectos de diferentes partes do mundo que están a recuperar e protexer estes arquivos. 

A exposición d’A Escola Sinsal completarase cun obradoiro impartido pola artista sonora, xestora cultural e investigadora Sarah Rasines, quen ademais achega parte da súa colección persoal á mostra. A creadora, quen presentará en breve a primeira tese doutoral dedicada á historia e importancia da casete en España, coordinará un taller ideado para parellas (compañeiras, fillas, amigas, etc.), que nace da práctica de Fluxus para nenas e nenos, no que o público aprenderá a xerar sons con casetes e outros soportes, así como crear a súa propia Caixa-libro Escola Sinsal, feita con obxectos reutilizados e exclusivos de Sinsalaudio (como postais, flyers e outros materiais), e que se poderán levar como recordo do Sinsal SON Estrella Galicia.
 

O obradoiro, gratuíto e apto para todos os públicos -as e os menores deberán estar acompañadas dun familiar ou titor legal maior de idade-, impartirase todos os días na propia exposición d’A Escola Sinsal. Durante unha hora, Rasines revisará a historia da casete, desde o seu papel na creación e difusión da música popular até o seu impacto cultural e social en todo o mundo; descubrirá os seus secretos sonoros e amosará ás asistentes a facer un loop con cinta de casete e xerar sons que transformarán a Caixa-libro Escola Sinsal nun instrumento musical. 

Para poder participar neste obradoiro, as persoas interesadas poden enviar desde hoxe un correo electrónico a sarahrasiness@gmail.com sinalando, no asunto, Taller de casetes Escola Sinsal, indicando os nomes e apelidos das dúas persoas participantes e un teléfono de contacto. Ademais, deberán escoller o día ao que queren asistir: venres 21 (de 18:30 a 19:30 horas), sábado 22 (16:00 a 17:15 horas), ou domingo 23 (16:00 a 17:15 horas). As prazas son limitadas e en cada sesión haberá un máximo de 8 parellas.