Vigo acollerá esta fin de semana unha nova edición do Sinsal Primavera. Angélica Salvi, Ece Canli, Superorganismus -proxecto musical de Tramontana e Luz González- e Ivankovà conforman o cartel das sesións que terán lugar os días 19 e 20 de maio no MARCO de Vigo. Como novidade, a programación extenderase a un dos principais recintos de música ao vivo da localidade, a Sala Radar, que acollerá o concerto da portuguesa Ana Lua Caiano na noite do sábado 20. 


Impulsado pola promotora cultural viguesa Sinsalaudio, Sinsal Primavera propón visualizar propostas musicais singulares e únicas, vinculadas á experimentación e á creación contemporánea. O evento, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, e co apoio do MARCO, do Instituto Camões e da Sala Radar, ofrecerá esta fin de semana unha programación conformada por cinco proxectos de vangarda liderados por seis bandas ou solistas chegadas de distintos puntos de España, Portugal, Suíza e Turquía. 
 

As entradas do Sinsal Primavera están á venda na plataforma web www.enterticket.es. O prezo da entrada anticipada para cada xornada no MARCO é de 15 euros (agás no caso dos billetes para as e os menores de 10 anos, cuxo acceso será gratuíto). Todas as persoas que posúan entrada para algún dos concertos do MARCO, poderán asistir de forma gratuíta aos concertos da Sala Radar nas noites do venres 19 (SIPHO., 22:45h) e do sábado 20 (Ana Lua Caiano, 23:00h). As entradas para estes directos tamén están dispoñibles en Enterticket por 8 euros anticipada e 10 euros na billeteira.