Sinsal SON Estrella Galicia activa a venda de abonos para a súa nova edición
O festival Sinsal SON Estrella Galicia activará este venres 5 de maio, ás 12:00 horas, a venda de abonos para a súa nova edición, que terá lugar os días 21, 22 e 23 de xullo de 2023 na Illa de San Simón. Serán tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas en canto o estilo e a orixe das máis de vinte bandas e artistas que participarán na súa programación secreta. Unha das novidades desta edición é que o festival ampliará o seu horario de concertos: deste xeito, as e os asistentes que embarquen pola mañá ou a primeira hora da tarde no porto de Vigo, partirán de San Simón contra ás 23.30 horas nas noites do venres 21 e sábado 22. .
O venres 5, a partir das 12:00 horas, poderanse adquirir os abonos de tres días a través da plataforma web www.enterticket.es, na que poderá seleccionar o embarcadoiro desde o que desexe viaxar a San Simón: como é habitual, estarán situados no porto de Vigo e Meirande (xunto ao Centro de Interpretación de Rande). Aquelas persoas que decidan partir desde a cidade olívica gozarán dunha viaxe máis longa en barco e unha estancia de maior tempo na illa.
Os prezos dos abonos variarán en función da idade do público (maior ou menor de 16 anos). Por unha banda, no caso das persoas adultas, os abonos de Vigo terán un prezo inicial de 155 euros, mentres que no caso de Meirande o prezo de partida será 145 euros. Pola outra, o prezo deste tipo de entrada para as e os menores de 16 anos, ou que teñan esa idade no momento de celebración do festival, será de 60 euros (Vigo) ou 50 euros (Meirande).
De cara á semana seguinte, concretamente o luns 8 de maio, a sairán á venda as entradas por día de Sinsal SON Estrella Galicia. Todas aquelas persoas interesadas nesta modalidade de entradas, que inclúen tamén o traslado á illa desde Meirande ou Vigo, poderán adquirilas a partir das 12.00 horas a través da plataforma www.enterticket.es.
Se queres máis información sobre a venda de abonos, podes acceder á páxina 'Entradas e horarios dos barcos' desta mesma web. '