O Festival Sinsal SON Estrella Galicia vén de gañar esta mesma fin de semana nos Iberian Festival Awards (os premios da industria de festivais en España e Portugal) o galardón estatal 'Best Contribution to Equality', que o sitúa como o evento máis relevante en canto á Contribución á igualdade. Este premio pon en valor a aposta de Sinsalaudio por favorecer o achegamento a todos os sons, ideas e instrumentos do mundo; ademais de nunca repertir no seu cartel creadoras e creadoras, ou o coñecemento de novos artistas -o 90% das bandas e solistas actuaron en 2022 por vez primeira en Galicia ou España en San Simón-. Alén disto, o compromiso de Sinsal coa igualdade vén referendado polo equilibrio da súa programación: un mínimo do 50% das artistas e do staff son mulleres, a presenza queer é relevante en cada edición e habitualmente teñen espazo todas as linguas da Península Ibérica, desde o galego até o catalán, portugués, euskera ou castelán. 

Recentemente o festival foi sinalado pola Fundación Contemporánea, no seu informe anual ‘Lo mejor de la cultura 2022’ como proxecto cultural exemplar polo seu compromiso e contribución cos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), sendo a única iniciativa galega que forma parte desta clasificación estatal.