Ben Lamar Gay, Clara Peya, Magia Bruta, Haepaary, Tootard, Julián Mayorga, Os Amantes e Fixemberg poñen música á segunda xornada do Sinsal
Sinsal SON Estrella Galicia 2022 continúa en San Simón, nunha xornada na que o jazz progresivo, o pop, o minimalismo ou a electrónica tomaron a illa. Ben Lamar Gay, Magia Bruta, Haepaary, Tootard, Julián Mayorga, Os Amantes, Fixemberg e Clara Peya, acompañada de Guadi Galego, conformaron o cartel deste sábado 23.
A banda vasca Magia Bruta, confirmada pola cantante e compositora Isabel Fernández (Charades, Aries) e a baterista Aida Torres (Lisäbo, Jupiter Jon), estreouse por vez primeira ante o público en San Simón, presentando ao vivo o seu álbum debut e iniciando así o seu percorrido en festivais. Deron paso ás sorprendentes e cativadoras Haepaary, dúo coreano que mesturou no escenario Buxos Xacobeo 21-22 os instrumentos tradicionais coreanos coas sonoridades electrónicas. De seguido prolífica pianista Clara Peya deu conta do seu novo disco, ‘Periferia’, unha proposta inspirada nos espazos de paso e das marxes. A intérprete e compositora sorprendeu ao público do Sinsal coa colaboración de Guadi Galego, quen subiu ao escenario para compartir un dos temas da catalana.
Ao longo da tarde sucedéronse as actuacións. O colombiano Julián Mayorga presentou o seu último traballo, ‘Cuando tengo fiebre veo la cabeza de un leopardo magnífico’ e, ás 18.00 horas, no escenario San Simón SON Estrella Galicia, chegou unha das grandes citas do festival: o concerto de jazz progresivo do multriinstrumentista e cantante estadounidense Ben Lamar Gay. De seguido foi a quenda de Os Amantes, o proxecto conformado polos brasileiros Strobo e Jaloo. A xornada pecharase da man dos irmáns sirios TootArd, que converterán San Simón, cos seus sintetizadores, nunha discoteca do Beirut dos anos 80, e o dj galego Fixemberg.
Este domingo 24 chegará o día grande do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, con dez concertos e un dj set desde as 12.55 e até o solpor. Na illa soará pop, flamenco, jazz, cumbia, electrónica ou música clásica, entre outros estilos; á vez que se desenvolven actividades paralelas como talleres de reciclaxe, visitas guiadas pola illa, encontros con artistas ou mesmo rutas en pedal surf.