Sinsal SON Estrella Galicia abre este venres 22 a súa vixésima edición cunha xornada na que a electrónica, as músicas de raíz, a cumbia e o pop son protagonistas. Lido Pimienta, Músculo!, Candeleros, Quinquis, Sebastián Cortés e DJ Fonkid son os primeiros nomes que o público descubre ao desembarcar na illa de San Simón, nunha fin de semana que contará con máis de 25 bandas e artistas chegadas de Europa, América e Asia.


A banda galega Músculo! foi a responsable de inaugurar Sinsal SON Estrella Galicia 2022 cun directo contundente e sen fisuras que converteu a illa nunha auténtica pista de baile. No seu concerto, o Premio Martín Códax de Música Electrónica 2022 deu boa conta da súa capacidade para xerar momentos inesquecibles sobre o escenario San Simón Son Estrella Galicia. De seguido, e sobre o mesmo escenario, foi a quenda de QUINQUIS, o novo proxecto musical da francesa Émile Quinquis, compañeira e teloneira de Yann Tiersen na súa actual xira. No seu concerto, a artista amosou unha fonda conexión coa cultura, historia e identidade bretona.

 

O madrileño Sebastian Cortés, líder da vaga coñecida como Bedroom pop estatal, ofreceu o primeiro concerto do Buxos Xacobeos 21-22, unha sesión pop na que deu a coñecer temas do seu novo traballo discográfico. Ás 19.20 horas, sobre o escenario San Simón SON Estrella Galicia, será a quenda dun dos pratos fortes desta edición do Sinsal 2022: a cantante e compositora colombiano-canadiense Lido Pimienta, recoñecida por público e crítica tanto polo seu segundo LP, ‘La Papessa’, como o recente ‘Miss Colombia’, que presentará en San Simón. A xornada completarase con dúas actuacións máis no escenario Buxos Xacobeo 21-22: a do sexteto madrileño Candeleros, que garanten unha sesión de baile frenético e cumbia, e o DJ galego Fonkid. 
 

En paralelo á programación musical, Sinsal SON Estrella Galicia conta con actividades para o público: microconcertos en acústico de agrupacións galegas de música clásica en Santo Antón, obradoiros familiares de reciclaxe con madeira e refugallos, paseos por San Simón con artistas e mariscadoras ou mesmo pedal surf. Ademais, as e os asistentes poderán visitar na cafetaría da illa dúas exposicións, nomeadas ‘A Escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’, un percorrido pola historia do rexistro sonoro, e ‘Por que as túas fillas escoitan trap?’, unha aproximación á historia da tecnoloxía musical e como a electricidade mudou o xeito de compoñer e interpretar.