O festival Sinsal SON Estrella Galicia inicia mañá venres, 22 de xullo, unha nova andaina. A illa de San Simón acollerá a vixésima edición dun dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal e que destaca por manter en secreto o seu cartel ata que o público desembarca na illa redondelá. As entradas de día e os abonos levan semanas esgotados. 
 

Sinsal SON Estrella Galicia 2022 contará coa illa de San Simón como prato forte dun cartel secreto conformado por máis de 25 bandas e artistas chegadas de distintos puntos da Península Ibérica, Europa, América do Sur e do Norte ou Asia que actuarán nos escenarios Buxos Xacobeo 21-22 e San Simón SON Estrella Galicia. Sobre as súas táboas darase unha ampla diversidade estilística, que abrangue desde a world music até a electrónica, pasando polo jazz, o flamenco, a música clásica, o pop ou a cumbia.


 

Moitas destas bandas, chegadas de territorios como Altos do Golán, Corea ou Brasil actuarán por vez primeira en España no marco do Sinsal. Outras moitas, procedentes de Colombia, Francia, República Dominicana, Estados Unidos ou Inglaterra, mais tamén de cidades como Madrid, terán en San Simón a súa primeira cita co público galego. Porén, as e os artistas emerxentes de Galicia, como é habitual no festival -e unha das premisas das que parte a súa programación-, tamén contarán cunha importante representación nos dous escenarios da illa: un total nove bandas galegas forman parte do cartel secreto de Sinsal SON Estrella Galicia 2022.
 

A todas elas sumarase, ademais, unha actuación sorpresa para as viaxeiras dun dos barcos, que contarán cun concerto extra durante a súa viaxe cara á illa. Esta actuación será dunha das artistas galegas emerxentes que forman parte do programa provincial ‘Descúbreas’ da Deputación de Pontevedra. Precisamente o liderado feminino segue a ser, como todos estes últimos anos, un dos sinais de identidade de Sinsal SON Estrella Galicia. Nesta ocasión, o público poderá gozar da música de artistas solistas e bandas femininas que destacan especialmente no seu ámbito.