Microconcertos acústicos e para público reducido na illa de San Antón, actividades acuáticas de pedal surf e obradoiros creativos familiares son algunhas das iniciativas das que o público que asista ao Sinsal SON Estrella Galicia 2022 poderá gozar durante a celebración do festival, para o que xa están todos os abonos esgotados así como as entradas do sábado 23 e domingo 24. Para acceder ás actividades paralelas é imprescincible ter entrada para asistir a Sinsal o mesmo día :)   


San Antón Acústico
 

O sábado 23 e o domingo 24 celebraranse os concertos acústicos na illa de San Antón (á que se accede desde San Simón a través da ponte). Sinsalaudio recupera este ano o escenario da emblemática illa para ofrecer microconcertos singulares, baixo a denominación “San Antón Acústico”. 
 

  • Os concertos terán lugar ao longo da xornada do 23 e do 24, pero serán para asistentes limitados: unha parella, unha familia ou un grupo de 4-6 persoas como máximo.
  • Serán actuacións moi especiais e exclusivas, con agrupacións galegas que se incorporan ao cartel de Sinsal SON Estrella Galicia pero que unicamente ofrecerán actuacións neste formato.
  • O sistema de acceso a estes concertos -para os que é imprescindible contar con abono ou entrada tanto do sábado 23 coma do domingo 24- darase a coñecer nas vindeiras semanas a través das redes sociais de Sinsalaudio.


 

Pedal surf

Unha das propostas máis singulares desta edición será a posibilidade de gozar, desde a auga, do festival Sinsal SON Estrella Galicia. Ao longo de toda a fin de semana terán lugar diferentes rutas en pedal surf arredor do perímetro da illa para coñecer máis de perto o seu patrimonio natural. Trátase dunha actividade náutica innovadora e 100% sostible, na que as e os participantes poden practicar este deporte á vez que escoitan os concertos desde unha táboa estable e segura desde o primeiro momento: pódese participar nesta actividade sen necesidade de coñecemento previo.
 

  • A iniciativa realizarase durante o horario de desenvolvemento do festival, na tarde do venres 22 e tanto en horario de mañá coma de tarde o sábado 23 e o domingo 24.
  • O percorrido en pedal surf, duns 30 minutos de duración aproximadamente, realizarase en grupos reducidos, dun máximo de 10 persoas, acompañadas dunha guía experta da empresa galega Galping.
  • A actividade poderase realizar en familia ou grupos e os tiquets xa se poden reservar, anticipadamente, a través da web https://galping.com/reservas/.
  • As nenas e nenos menores de 9 anos poderán acompañar ás nais e pais de xeito gratuíto; mentres que a partir dos 10 anos o prezo será de 15 euros por persoa, 25 euros por parella ou de 10 euros para grupos de 4 a 10 persoas.
  • Para poder asistir á actividade de pedal surf será imprescindible saber nadar, facer uso do chaleco salvavidas e, no caso de menores, que estean acompañados da ou do titor legal - no caso de máis de 16 anos, que conten con autorización asinada-.


 

Obradoiro interxeracional colaborativo

 

Outra das propostas dirixidas ao público familiar, especialmente ao público máis novo, terán lugar nas tardes do sábado 23 e 24. Serán os obradoiros LIMBO, unha acción performativa na que o público poderá estabelecer un diálogo creativo e aberto entre distintas xeracións. No taller, que será gratuíto, as e os asistentes construirán e deseñarán de forma autónoma distintas escenografías a través da reutilización de pezas de madeira e outros materiais de refugallo, de forma individual e colectiva. Todos os elementos que se utilizarán, ademais, proceden de carpinterías e negocios locais, que se transformarán de forma manual especificamente para esta proposta, que pretende formentar a cultura da reciclaxe.

 

  • Os obradoiros LIMBO realizaranse na capela de San Simón, espazo no que se poderán realizar as inscricións na mesma xornada, tanto do sábado 23 coma do domingo 24.
  • Todos os talleres comezarán ás horas en punto (entre as 15.00 e as 19.00 horas) e terán unha duración dunha hora.