Esgotados os abonos Sinsal SON Estrella Galicia 2019
Martes 7 de maio ás 12h saen á venda as entradas de día en Eventbrite. Se tes un minuto e medio, repasa algúns consellos e info útil:
ANOTADE: Tedes 8 minutos para cada compra. Se aparecen non dispoñibles as entradas, significa que a pesar de que os procesos de compra xa “afectan” a todas as entradas, poden aínda liberarse algunhas. Sempre actualizade a páxina. Se aparecen ESGOTADAS, si que significa que xa están todas con compra finalizada e non é posible xa conseguir entrada para ese día.
Lembra que hai 4 entradas distintas para cada un dos días: xoves 25, venres 26, sábado 27 e domingo 28. Xoves e venres o festival desenvólvese en horario de tarde con 4 concertos en escenarios principais cada xornada; sábado e domingo durante todo o día, con 7 concertos mínimo en escenarios principais.
O número máximo de entradas de día por compra: 5.
Atoparás 2 portos de saída: Vigo e Meirande. Tes que escoller a túa preferencia. Ten en conta que: a viaxe desde Vigo á Illa de San Simón dura aproximadamente 50 minutos; desde Meirande (Museo da Batalla de Rande, Redondela), que conta con amplo aparcadoiro, 20 minutos. Os horarios son aproximados, poden variar uns minutos; é moi importante que chegues con antelación mínima de media hora ao porto de saída. Como comprobarás nos horarios, os barcos de Meirande saen máis tarde e volven antes a porto.
Os barcos comezan a volta a porto unha vez remate o festival, ASÍ QUE NON VAS PERDER NINGÚN CONCERTO ESCOLLAS VIGO OU MEIRANDE COMO O TEU PORTO DE SAÍDA E RETORNO.
De especial interese para aquelas persoas que ides vir a Sinsal SON Estrella Galicia 2019 con pequenas e pequenos. Hai un cupo de entradas para menores (até 16, incluídos) cada día a prezo reducido.
IMPORTANTE! Toda persoa, independentemente da súa idade, ocupa praza no barco e suma aforo na Illa de San Simón, polo tanto debe ter a súa entrada (si, os bebés de 0 a 3 tamén, para iso se habilitan prazas de prezo moi reducido). Haberá actividades específicas para crianzas xoves 25 e domingo 28 de xullo.