Mañá comeza Sinsal SON Estrella Galicia, unha edición ‘Esencial’ con tres xornadas de música ao vivo na illa de San Simón
Mañá comeza a nova edición de Sinsal SON Estrella Galicia. A illa de San Simón, en Redondela, acollerá desde este venres 23, e até o vindeiro domingo 25, a celebración dun festival único e singular no marco do panorama musical estatal. Tres xornadas de música ao vivo, un cartel secreto, unha illa e unha viaxe en barco son os elementos clave dunha programación que este ano regresa a súa esencia cunha edición nomeada Esencial. A través que quere poñer de novo en valor a estreita relación entre a creación cultural do país e a súa contorna natural e patrimonial.
Sinsal SON Estrella Galicia é un festival impulsado por Sinsalaudio e que conta co patrocinio de Estrella Galicia, da Deputación de Pontevedra, de Turismo Rías Baixas e da Xunta de Galicia a través do programa FEST Galicia no marco do Xacobeo 21-22. Todas as institucións públicas amosaron esta mañá, nun encontro que tivo lugar no porto de Cesantes, o seu apoio á iniciativa cultural nun ano no que o 70% das bandas do seu cartel secreto -conformado por grupos de Galicia, Portugal, España e Estados Unidos- están lideradas por mulleres ou que contan, na súa totalidade, con integrantes femininas. Este encontro institucional contou coa asistencia da deputada de Turismo e Xuventude, Ana Laura Iglesias; do deputado de Centros de Investigación, Manuel González Martínez; da delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias; do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e do co-director do Sinsal, Luis Campos.
Sinsal Esencial comezará o venres 23. O público partirá da Estación Marítima de Vigo (16.00h) e do embarcadoiro de Meirande (17.10h) para percorrer a Ría de Vigo e chegar a unha illa na que, cada xornada, se celebrarán catro concertos, unha conversa sobre o futuro sostible da industria cultural e unha sesión de DJ para animar a despedida. Durante a tarde, as e os asistentes poderán visitar e coñecer de perto a memoria e a natureza que se atopa no arquipélago conformado por San Simón e San Antón. Malia que esta estrutura é compartida nas dúas primeiras xornadas, no caso do día 25 a programación adiantarase dúas horas, comezando así ás 14.00h para o público de Vigo e ás 15.15h no caso de quen teña entrada desde o pantalán de Meirande (xunto ao Centro de Interpretación de Rande).
A illa de San Simón acollerá dous escenarios insulares, FEST Galicia Xacobeo 21-22 e SON Estrella Galicia, nos que se sucederán os concertos. Mais nesta edición do Sinsal, o público poderá gozar, por vez primeira, dun escenario virtual. Esta proposta innovadora, que chega da man do equipo de Liveforevr -que realizarán un Art in Residence estes días na illa coas últimas tecnoloxías de vídeo e audio- suporá a retransmisión aberta a todo o mundo dunha experiencia inmersiva, en colaboración cunha das artistas do festival, o sábado 24 a través do Twitch e do Instagram de Liveforevr e Sinsal (www.instagram.com/sinsalaudio).